Dende a Limia
00:16 h. Domingo, 16 de Diciembre de 2018

Unha empresa limiá leva un ano comercializando patacas por Internet con éxito de vendas

Patricia F.S | 14 de Diciembre de 2015 (10:45 h.)

    Patacas Ama leva un ano posicionándose na web para vender as súas variedades de patacas on-line. Trátase da primeira empresa en Galicia que comercializa este produto por Internet e todo é obra do seu dono, Amador Díaz. "Como agricultor moléstame que se diga que a nosa pataca é mala cando non é así e ver en Vigo por exemplo patacas da Limia cando na nosa zona aínda están en flor", comenta Amador: Estes feitos foron un incentivo que o levou a comezar o proxecto co fin de que a xente reciba nas súas casas patacas de calidade con selo de orixe da Limia. 

"Cada vez teño máis clientes, o 80% son galegos afincados fóra. Envío pedidos a Barcelona, Madrid, Cartagena, Málaga... e por suposto por toda Galicia". Sinala o dono desta empresa de Piñeira Seca que ven de tradición agraria, producindo patacas dende 1989.

Na web www.patatasama.com, podemos atopar tres variedades do tubérculo, a Agria, Daifla e como novidade introduciu a Kennebec. Para facer pedidos só fai falta rexistrarse na páxina. Pódense solicitar envíos de 10 quilos por 12 euros con todos os gastos incluídos, ou de 20 quilos por 17 euros, agás os de Kennebec que custan 18€, prezos que inclúen tamén todos os custes. O cliente poder recibir o seu pedido en menos de 24 horas. 

O lema desta empresa é primar a calidade por encima de todo, "o mesmo mercado lévanos a producir cantidades, o feito de que eu colla a Kennebec á man porque é unha variedade delicada, non me garantiza que recupere o gasto emitido por recollela así, pero eu velo pola calidade non pola cantidade", destaca Amador. Esta preocupación por garantir o bo estado dos produtos que vende, repercute no feito de que os clientes repitan pedidos. 

Un dos maiores problemas da venda de Patacas Ama é o parón que fai porque só comercializa as patacas que produce. Con todo, Amador Díaz sinala que os meses non que non ten producto non supón a perda de clientes. A comunicación cos posibles compradores é un punto forte desta empresa, o número de teléfono do dono está visible e pódese chamar a calquera hora do día. 

Logo dun ano vendendo patacas por Internet e contando cos bos resultados acadados, Amador traballa nun novo deseño da páxina que facilite aínda máis a compra. 

Esta empresa combina a venda online coa tradicional. Nesta campaña recolleron 350 mil quilos de patacas, "a sequía mermou a produción pero non a calidade", sinala Amador que seguirá desenvolvendo este novidoso proxecto do que espera "vaime dar moitas alegrías e neso estou traballando".