Dende a Limia
08:25 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

Toni Martínez (presidente da Fundación Benposta): "Chegamos a ter ameazas de morte en Benposta"

O. Ferreiro | 27 de Agosto de 2017 (22:34 h.)
Toni Martínez, presidente da Fundación Benposta á beira dunha foto do Padre Silva, no Museo Galego do Entroido.
Toni Martínez, presidente da Fundación Benposta á beira dunha foto do Padre Silva, no Museo Galego do Entroido.

Toni Martínez, Presidente da Fundación Benposta estivo presente onte na presentación da exposición de obxectos da Cidade dos Muchachos que se vén de inaugurar no Museo Galego do Entroido de Xinzo de Limia. A Fundación que preside foi posta en marcha no pasado ano 2004 e un dos seus principais cometidos é a posta en valor do que foi e aínda é a Cidade dos Muchachos, fundada polo defunto Padre Silva. Toni, quen toda a súa vida estivo ligado a Benposta, atende ao dendealimia.com para nos aclarar en que situación se atopa o que durante décadas foi un referente do socialismo utópico a nivel mundial.

Que hai hoxe en Benposta?

Hoxe en Benposta hai moi pouca cousa. A nivel de actividades aínda se lle dan clase a uns 5 rapaces e algunha xente aínda vén por alí para que montar números a nivel profesional. Non temos outra actividade.

Fixen todos os números aéreos e deixei de traballar aos 54 anos, no 2003, cando practicamente rematou o circo

Aínda hai rapaces vivindo alí?

Poucos. Hoxe viven alí 17 persoas e 4 deles son nenos, que son os fillos dun dos que foron paiasos no circo. E eu son quen lle da clases a eses nenos.

Porque ti participaches no circo moitos anos. Que facías no circo?

Eu estiven no circo 16 anos. E facía de todo o que podes ver aquí: trapecio, paiaso, cantaba, bailaba, era cómico, alambre. Fixen todos os números aéreos e deixei de traballar aos 54 anos, no 2003, cando practicamente rematou o circo.

A min dame moita raiba polo feito de que os políticos non lle dan a importancia que o proxecto de Benposta tivo e merece.

Queda xerme suficiente para que poida rexurdir algo en Benposta, aínda que sexa diferente que que iso significou noutra época?

Aí o que queda son os proxectos que temos nós. As cousas cambiaron moito pero seguimos mantendo a mesma filosofía. Nós queremos manter a escola do circo, que significou a proxección do circo a nivel mundial. O que o Padre Silva e mais eu queriamos era facer unha escola de circo internacional e realizar festivais internacionais, porque o circo en España naceu aquí en Ourense. E a min dame moita raiba polo feito de que os políticos non lle dan a importancia que o proxecto de Benposta tivo, xa non tanto pola proxección internacional senon pola cantidade de nenos que estaban na rúa e que nós salvamos. Así que queremos montar unha escola de circo a nivel profesional para adultos e para nenos. Queremos que os rapaces que pasen pola escola de circo realicen todas as actividades. E facer isto é moi difícil pero queremos intentalo. Estamos esperando a ver en que termina o problema xudicial.

1

Os problemas xudiciais co tema dos terreos están parados.

Iso che ía preguntar. En que quedan os problemas xudiciais con respecto aos terreos?

Agora está todo parado, porque a Seguridade Social fixo unha venta que foi ilegal. A nosa Fundación depende do Ministerio de Cultura, pero eles colleron e fixeron unha venda fraudulenta e ilegal. O propio Ministerio de Cultura comunicounos que non comunicaran nada desa venda. E por iso agora está parado e non sei que van facer.

Noutra orde de cousas, nós vemos que estades os da Fundación por un lado e a asociación de Amigos de Benposta por outro. Que pasa aí?

Aquí hai dúas partes. Unha delas ten que ver cos profesores, que algúns mesmo querían acabar con todo e botar á directiva. Nós chegaramos a un acordo coa Xunta para facer vivendas sociais pero o problema chegou cando quixeron facer o campo de fútbol. Aí naceu unha oposición moi grande. Pero agora está todo iso paralizado. Agora estamos á espera.

A venda de terreos que fixo a seguridade social foi fraudulenta e ilegal.

Que relación tedes con Benposta Colombia?

Temos relación cun dos que o leva, José Luis. E aquilo segue funcionando. Teñen unha pequena escola de circo, unha coral polifónica que foi das mellores. Pero tamén temos en Venezuela funcionando. De feito en Colombia temos catro cidades funcionando. 

E os rapaces que están aquí en Benposta a onde van estudar?

Uns van a Ourense e unha das rapazas vai a Seixalvo.

Nós estivemos catro anos sen durmir e mesmo chegamos a ter ameazas de morte.

Nesta exposición que presentades no Museo Galego do entroido hai unhas 400 pezas. Cantas máis ten gardadas Benposta?

Bastantes máis. Gardamos moitas máis. E iso que de vestiario roubáronnos moito. Polas noites viñeron roubar, queimaron máquinas, estruturas e de todo. Nós estivemos catro anos sen durmir e mesmo chegamos a ter ameazas de morte. E houbo rapaces que naceron con medo pola avaricia de moitos, que só querían abusar do seu poder. Foi moi difícil todo este traxecto.