Dende a Limia
16:14 h. Jueves, 29 de Junio de 2017

Víctor Freixanes: "Os galegos teñen que recoñecerse no seu idioma e non nun invento de laboratorio que satisfaga a catro intelectuais"

O. Ferreiro | 24 de Mayo de 2017 (22:17 h.)
Víctor Freixanes no Museo Galego do Entroido.
Víctor Freixanes no Museo Galego do Entroido.

Son as 16:30 dun mércores. Mais non dun mércores calquera, senon do 17 de maio, Día das Letras Galegas. Mais tampouco dunha xornada calquera na que se festexan as nosas letras. Non. Trátase do ano de Carlos Casares, ese escritor limián que fixo da Limia e de Xinzo o seu particular Macondo na súa extensa obra literaria e xornalística.

Están a saír da porta do Hotel Xinzo, na Rúa 2 de Maio, toda caste de personalidades que, trala celebración dos actos correspondentes pola conmemoración, xantaran xuntos no restaurante deste establecemento. Dende a familia ao completo de Casares, pasando polos académicos, concelleiros dos diferentes grupos políticos e até o mesmísimo Feijóo afástanse do lugar. Ficamos á espera de que o recentemente elixido presidente da RAG, en substitución de Alonso Montero, teña un oco para responder ás nosas preguntas.

Víctor Fernández Freixanes, nado en Pontevedra no 1951, é un xornalista, editor e escritor galego. Ademáis exerce como profesor na Universidade de Santiago de Compostela. 

Cales son os principais retos que formula para o seu mandato na Real Academia Galega?

Precisamos que haxa uns recursos mínimos para o sostemento da institución.

Pois mira, hai varios. Mais se tivese que resaltar dous diría que, en primeiro lugar, a estabilidade económica. Imos ver como conseguimos que haxa uns recursos mínimos para o sostemento da institución. A institución ten que sosterse con dignidade e non oculto que hai discusións e diferencias de criterio ao respecto. E non se trata só de recursos económicos por parte das institucións públicas, senon que é preciso implicar á sociedade civil e ás institucións privadas en proxectos. Isto non se consegue en dous días nin en dous anos, mais si queremos ir poñendo as bases. E o segundo obxectivo é, ademáis de afondar nos servizos que a academia ofrece como o dicionario, hai unha parte que a min me preocupa moito e é a comunicación. Temos que realizar un esforzo de autocrítica e dinamizar a institución a través das novas tecnoloxías, realizar unha renovación e enriquecemento da páxina web, políticas de encontros e portas abertas con institucións civís, con xente nova e asociacións. Ese é un compoñente moi importante para que a xente entenda que a RAG é unha intitución que está a traballar decote por un patrimonio común que é a nsoa lingua e a nosa cultura.

As diferenzas no seo da RAG son diferenzas democráticas que se expresan democráticamente dende o respecto ás persoas.

Ata que punto axuda á imaxe da Academia na sociedade que as principais cuestións polas que ten sido noticiable sexan relacionadas con conflitos internos?

Iso non só non é inevitable, senon que é evitable. Pero hai que relativizalo. As organizacións ás veces teñen diferenzas entre os seus membros. Son diferenzas democráticas que se expresan democráticamente dende o respecto ás persoas. Todos os académicos sen excepción están traballando dende os principios e obxectivos estratéxicos e fundacionais da RAG e eu nese aspecto creo, honestamente, que non é preocupante. Si me preocupa que sexamos capaces de atopar fórmulas de traballo para avanzar. E aí seguro que nos imos atopar todos. A proba foi un acto coma o de hoxe no que estivemos todos. 

IMG_5338

Falaba Feijóo no seu discurso institucional dunha mirada "optimista" cara o futuro da lingua galega, mais trátase dun enfoque que choca coa realidade actual, na que cando máis ferramentas temos para potenciar o uso da lingua é cando menos xente a fala e baixando. Debemos ser optimistas como di o presidente ou a situación é máis complicada?

Os políticos teñen a tendencia de capitalizar o que fan, mais o que non poden facer é capitalizar o que non fan.

Podemos ver a botella medio chea ou medio baleira. Eu son, por natureza, bastante optimista, e como dixo o presidente Núñez Feijóo, son un optimista da vontade gramsciano. Mais iso non quere dicir que miremos para outro lado. A realidade é a que é. A lingua galega é un idioma con problemas pois xa tiña problemas antes e segue a ter problemas agora, malia que distintos. Se miramos cara atrás, nos últimos corenta anos demos pasos xigantescos no relativo ao prestixio, ao uso, dignificación e produción cultural. Mais ao mesmo tempo temos uns grandes obxectivos entre os que destaca a incorporación ao uso da lingua das novas xeracións. Neste senso é importante analizar como estimular espazos de sociabilidade para unha xente nova que coñece a lingua e é capaz de falala razonablemente. É preciso crear estes espazos arredor do idioma. Mais tamén estimular a autoestima para que as familias transmitan a utilidade do galego aos seus fillos. E a utilidade da lingua galega é explicar que non se trata dun idioma local, senon que nos permite andar polo mundo, ter identidade dos nosos produtos e discursos, mesmo en temros económicos e de traballo. Todo isto require unha vontade de querer avanzar e sementar permanentemente, así como unidade de acción. O que non podemos permitir é que ande cada un disparando nunha dirección. Logo, claro, os políticos teñen a tendencia de capitalizar o que fan, mais o que non poden facer é capitalizar o que non fan.

O sector reintegracionasta critica o inmovilismo da Real Academia Galega dos últimos anos. Cara onde debe camiñar a lingua galega? Debemos achegarnos á grafía portuguesa ou seguir polo camiño actual?

Non somos portugueses nin brasileiros.

A lingua galega ten que ser a lingua galega. A lingua dos galegos e das galegas e o idioma no que se recoñezan os galegos e galegas. Non pode ser un tubo de ensaio no que podemos facer experimentos teóricos, mais logo resulta que a poboación non se recoñece neses experimentos ou nos seus resultados. Temos que consigamos que a sociedade galega se reafirme e recoñeza no seu idioma sen que isto sexa incompatible con establecer relacións cada vez máis estreitas de coñecemento cos espazos da lusofonía e cos espazos do mundo brasileiro. A min o tema da lusofonía e do lusismo non me gusta nada, pois nós non somos lusos, aínda que sexamos desa mesma familia. Atopándonos por aí poderemos avanzar na mesma dirección e ir aproximando solucións, que é algo que xa se está facendo, tanto no léxico como noutras formas. Mais non podemos dar saltos mortais sen rede, porque temos que pensar no país. E o país ten que recoñecerse no seu idioma e non nunha especie de invento de laboratorio que satisfaga a catro ou cinco intelectuais máis ou menos posicionados nunha fórmula e bote fóra ao conxunto dos falantes. O obxectivo do galego é afianzar ao conxunto dos falantes e enriquecelos. Despois poderemos avanzar na dirección do encontro porque aí si estarei de acordo. O galego é unha lingua irmá do portugués, do brasileiro, do angolán, do mozambicano, do caboverdiano... é un mundo ao que nós non podemos nin debemos renunciar. Eu son un home que vén das empresas culturais e fixen negocios e operacións tanto no Portugal coma no Brasil e, para min, non son países estranxeiros. Agora, os galegos somos os galegos. Non somos portugueses nin brasileiros.