Dende a Limia
12:44 h. Jueves, 29 de Junio de 2017

Morre un neno en Lobeira atropelado polo tractor que manexaba seu bisavó

O. Ferreiro | 15 de Febrero de 2017 (21:31 h.)
Imaxe aérea da aldea de Gaiás.
Imaxe aérea da aldea de Gaiás.

Un neno de 5 anos faleceu esta tarde en Lobeira ao ser atropelado por un tractor. O seu propio bisavó era quen conducía a máquina no momento no que se produciron os feitos. O corpo do menor quedou atrapado baixo a fresadora do tractor. Os restos do menor tiveron que ser excarcerados polos efectivos do GES de Lobios.

O atropelo mortal produciuse nunha leira da aldea de Gaiás, na parroquia de Santa Cruz de Grou (Lobeira). O 112 Galicia tivo constancia da situación ás 17:30 horas desta tarde, a través da alerta de Urxencias Médicas. Ata o punto do sinistro foi mobilizado o helicóptero medicalizado con base en Ourense e unha ambulancia. Con todo, os efectivos sanitarios só puideron confirmar o falecemento do neno.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou ao GES de Lobios e á Garda Civil. Os profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) tamén recibiron o aviso do 112 Galicia. Un equipo de psicólogos xa foi mobilizado ao lugar do accidente para atender á familia.

O bisavó non viu achegarse ao rapaz á máquina coa que se atopaba traballando. Segundo informan algúns veciños, foi consciente do sinistro ao percibir un atasco no normal funcionamento da fresadora. Toda a aldea está conmocionada polo sucedido. O falecido era un dos dous únicos rapaces que residían nesta pequena localidade da Baixa Limia, xunto ao seu curmán de un ano.