Domingo 21.04.2019

‘RADIO NA BIBLIO’ DO CEIP DO XURES EN LOBIOS

A delegada territorial da Xunta en Ourense visitou hoxe o CEIP do Xurés, en Lobios

CEIP do Xures-Lobios
CEIP do Xures-Lobios

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o CEIP do Xurés, no concello de Lobios, un dos cinco centros educativos da provincia de Ourense que contan este curso cun laboratorio de radio na súa biblioteca escolar a través do programa Radio na Biblio, impulsado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Este programa se inclúe dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas (Plambe) que ten como obxectivo aportar un apoio extra, por parte da Administración educativa, para a actualización dos fondos bibliotecarios, a renovación do mobiliario e doutros equipamentos necesarios e para a prestación dos servizos da biblioteca.

Radio na Biblio busca que o alumnado avance na adquisición de competencias internacionais e mediáticas, imprescindibles na sociedad actual. Ademais, búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo na comunidade educativa.

A delegada territorial subliñou que con este programa se procura estimular o papel das bibliotecas escolares como centros creativos de aprendizaxe. En opinión de Díaz Mouteira, “a posta en marcha de radios en centros educativos ten demostrado ser unha boa ferramenta para xerar dinámicas de comunicación, de apoio aos proxectos do centro e dos traballos elaborados polos alumnos”.

Este centro tamén ten implantados unha serie de programas como o de dinamización das TIC. Ademais, o CEIP do Xurés pertence á rede de centros do Plan Proxecta que é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores. Concretamente o centro, ao abeiro do Plan Proxecta, participa en programas de deporte escolar, alimentación saudable  e educación ambiental.

A delegada territorial, que estivo acompañada na visita pola xefa territorial da Consellería de Educación, Luz Fernández Quintas, agradeceulle ao profesorado e ao equipo directivo do centro educativo a súa implicación para que o alumnado, un total de 57 escolares de educación Infantil e Primaria, participen en programas que melloren a calidade educativa e contribúan ao seu desenvolvemento persoal

‘RADIO NA BIBLIO’ DO CEIP DO XURES EN LOBIOS