Dende a Limia
01:24 h. Sábado, 21 de Octubre de 2017

O exército axudará a frear a proliferación de algas no encoro das Conchas

O. Ferreiro | 05 de Agosto de 2017 (20:11 h.)
Imaxe de arquivo do Encoro das Conchas.
Imaxe de arquivo do Encoro das Conchas.

A partir da primeira semana de setembro, o concello de Muíños acollerá un proxecto de investigación para tratar de atenuar a proliferación de algas no encoro das Conchas. O plan foi presentado no día de onte no Complexo Turístico O Corgo por parte de Gas Natural Fenosa, que contará coa colaboración de profesional cualificado da Unidade Militar de Emerxencias para levar a cabo a análise.

No proxecto participará a Unidade Militar de Emerxencias do exército.

A investigación consiste na instalación de sete limnocorrais nunha zona apartada e coutada do encoro, preto da praia fluvial de Muíños. Son estruturas flotantes de lonas nas que a auga recollida quedará totalmente illada, mantendo a mesma temperatura e propiedades que a masa de auga exterior. Estes dispositivos circulares terán entre uns cinco e nove metros de profundidade e estudarán a efectividade de distintos tratamentos. Realizaranse máis de setecentas analíticas nunha semana.

Realizaranse máis de setecentas analíticas nunha semana.

As cianobacterias son un tipo de alga que afecta á calidade da auga. A causa principal da súa floración atópase na gandería e no campo con filtracións que inducen á proliferación de organismos. Coa presenza da luz e a calor aparecen as algas, que por estes motivos son máis abundantes nos meses de agosto e setembro. Esta masa de auga é a máis afectada, xa que recibe todo o caudal do río Limia. O alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, afirmou que quere deixar de ser a "cloaca de todas as verteduras". O problema afecta principalmente aos concellos de Bande, Lobeira e Muíños. "Estamos comprometidos coa xestión ambiental e o noso obxectivo é mellorar a calidade da auga", asegurou o director da Unidade de Hidráulicas de Gas Natural Fenosa, Jordi Vich. Vich, en declaracións ao xornal La Región, afirmou tamén que "malia que se obteñan resultados positivos, sería inviable limpar o embalse completamente".

O problema afecta principalmente aos concellos de Bande, Lobeira e Muíños.

O 1 de setembro farase unha xornada de información para os veciños. "Non queremos que salten as alarmas por ter ao exército instalado na praia fluvial", asegurou o alcalde. Unha vez finalizada a investigación, o obxectivo a longo prazo será illar a zona de baño do encoro e aplicar tratamentos localizados para manter as condicións adecuadas de calidade. Deste xeito, poderanse compatibilizar os usos recreativos e lúdicos sen ningún risco.