domingo 17.11.2019

Muíños, será a capital do piragüismo galego

O municipio ourensán acollerá o vindeiro sábado, 8 de xuño, o Campionato Galego de Xóvenes Promesas

Muíños, será a capital do piragüismo galego

O municipio limián  de Muíños converterase o vindeiro sábado, 8 de xuño, na capital do piragüismo galego coa celebración do Campionato Galego de Xóvenes Promesas. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o presidente e o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea e José Manuel Fernández; e en representación do Club Fontefría, Óscar León Domínguez.

O presidente do goberno provincial dixo que esta competición conxugará “o deporte coa riqueza natural e paisaxística dunha das mellores postais da nosa provincia”. “Trátase dun evento único que se celebrará tamén nun entorno único froito da boa sinerxía que existe entre a Deputación de Ourense, a Federación Galega de Piragüismo e os concellos da nosa provincia, que sitúa a Ourense nun referente dos deportes acuáticos”, engadiu Baltar.

Alfredo Bea reafirmou o papel da provincia de Ourense no piragüismo galego destacando o apoio que se fai, desde a Deputación como desde os concellos da provincia, ao piragüismo na provincia de Ourense “o que fai que nunha recente competición de xóvenes promesas dos alevíns e benxamíns, por primeira vez na historia, un club de Ourense foi quen de quedar entre os tres primeiros”. Así mesmo, o presidente da Federación Galega de Piragüismo lembrou que o ano pasado “a organización do evento foi un éxito sendo a regata con máis participantes de todo o calendario galego, chegando case aos 700 cativos, e os clubs quedaron sorprendidos coa calidade das instalacións, idóneas para acoller deportes náuticos”.

Neste mesmo sentido, o alcalde de Muíños sinalou que o ano pasado “recibimos o primeiro premio á regata mellor organizada en Galicia, recoñecemento que esperamos revalidar este ano”. Ademais, Plácido Álvarez, quen agradeceu o apoio da Deputación ás iniciativas do seu municipio, destacou o traballo do Club Fontefría “por manter durante tantos anos o piragüismo en Muíños”. Pola súa parte, Óscar León agradeceu ás institucións “o seu apoio para poder organizar este evento un ano máis” e explicou que está continuará a ser “nesta liña de traballo para situar a Muíños e á provincia de Ourense no lugar que merece no piragüismo galego”.

O Campionato Galego de Xóvenes Promesas, no que participarán o “50% dos mellores cadetes que ten España”, dixo Fredi Bea, forma parte da iniciativa “Xurés Experience” na que se unen os concellos da Baixa Limia para promover natureza, deporte e gastronomía, e que conta coa colaboración da Deputación de Ourense.