Dende a Limia
00:13 h. Domingo, 16 de Diciembre de 2018

SOLICITAN A INCLUSIÓN NO CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS DE DOUS CASTIÑEIROS E UNHA CARBALLEIRA NA PROVINCIA DE OURENSE

| 26 de Noviembre de 2018 (21:30 h.)
Carballeira de A Clamadoira-Muiños (foto Locos por el monte)
Carballeira de A Clamadoira-Muiños (foto Locos por el monte)

O Diario Oficial de Galicia publicado  o 22 de novembro  publica o  anuncio polo que se someten a información pública varias solicitudes para ampliar o Catálogo galego de árbores senlleiras coa incorporación de dous novos exemplares e unha formación. Concretamente, as propostas refírense a un castiñeiro e a unha carballeira localizados no Concello de Muíños e a outro castiñeiro en Taboadela.

Deste xeito, ábrese a partir de mañá un período de 20 días hábiles durante o cal os interesados poderán presentar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á inclusión destes tres elementos no referido catálogo.

A información dos expedientes estará dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en San Lázaro (Santiago de Compostela) e na Xefatura Territorial de Medio Ambiente en Ourense, e tamén poderá examinarse de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O obxectivo de promover a inclusión dun exemplar ou formación arbórea dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras é garantir a protección e conservación dos mesmos, ao entender que pola súa propia singularidade, merecen ser preservados e inventariados.

No caso da árbore e da formación localizadas en Muíños, a solicitude foi presentada en nome do propio concello, mentres que o expediente de Taboadela ten a súa orixe na petición formulada por un particular.

O Catálogo galego de árbores senlleiras

O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecedoras dunha protección especial en atención a características excepcionais tales como o porte, as proporcións, a idade, a rareza, a significación histórica ou cultural, o interese científico, educativo, estético ou paisaxístico, ou outro tipo de circunstancias.

 

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións públicas, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Na actualidade, hai un total de 188 elementos (150 exemplares e 38 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

 

 

 

Árbores

Formacións

Total

A Coruña

43

13

56

Lugo

35

6

41

Ourense

22

7

29

Pontevedra

50

12

62

Total

150

38

188