Dende a Limia
01:13 h. Sábado, 21 de Octubre de 2017

A CHMS quere cuantificar a orixe da contaminación difusa da conca do rio Limia

| 20 de Julio de 2017 (21:23 h.)

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), potencia o I+D coa Universidade de Vigo -Campus da Auga-, a través dun contrato de servizos para a cuantificación da orixe da contaminación difusa na conca do río Limia.

Os traballos consistirán na toma de mostras de auga cunha periodicidade mensual en 15 puntos da conca do río Limia e afluentes, por parte da CHMS, a Universidade de Vigo, pola súa banda, realizará un estudo de razóns isotópicas do osíxeno e nitróxeno dos nitratos da auga que permitirá detectar e cuantificar a súa orixe.

rio LethesAdicionalmente, e para comprender e interpretar mellor a orixe do osíxeno do nitrato analizaranse tamén as razóns isotópicas da auga para, finalmente, estudar nalgunhas mostraxes as razóns isotópicas do carbono, tanto no inorgánico disolto, como o orgánico e outros compostos como os sulfatos que tamén adoitan empregarse en agricultura.

Paralelamente á toma e análise de datos, procederase á posta a punto dunha metodoloxía específica de seguimento dos resultados obtidos en cada campaña de análise, con obxecto de elaborar un diagnóstico do grao de afectación da posible contaminación difusa, e establecer un diagnóstico do estado das masas de auga.

A información recompilada por medios propios será contrastada e cumprimentada coa contida en publicacións previas sobre o tema e traballos previos existentes na zona.

A información obtida polos procedementos anteriores utilizarase na redacción dunhas recomendacións sobre os usos do chan nas sub-concas hidrográficas do Limia e que poidan afectar ao bo estado das masas de auga.

O investimento previsto é de 20.691 euros e o prazo de execución é de 12 meses.

"A presenza de nitratos nas augas adoita ter unha orixe difusa, e a súa presenza pode implicar procesos de eutrofización, xa que os nitratos son nutrientes que as algas e cianobacterias utilizan para o seu crecemento, por iso é moi importante coñecer non só a concentración de nitratos na auga, senón tamén a súa orixe, para tratar de diminuír a presenza dos nitratos na auga, actuando sobre a súa orixe", explicou Francisco Marín, presidente do Organismo de conca.

"O investimento en coñecemento é a base para unha mellor xestión da conca e desde a CHMS consideramos prioritario contar coa Universidade de Vigo para a execución destes traballos, en aras da boa relación e predisposición que obtemos do Vicerreitorado do Campus Ourense, Campus da Auga, co que somos aliados estratéxicos en distintos proxectos", concluíu o presidente.