Dende a Limia
19:38 h. Sábado, 18 de Noviembre de 2017

COGAMI recolle sinaturas para que as estacións de servizo conten con persoal con atención á clientela

O. Ferreiro | 28 de Agosto de 2017 (20:26 h.)

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia unha campaña de recollida de sinaturas en contra das gasolineiras que carecen de persoal laboral, unha medida ante a que COGAMI discrepa porque resulta ser discriminatoria para o conxunto de persoas que representa.

Cren que a falta de persoal imposibilita a utilización de determinados servizos a aquelas persoas con mobilidade reducida que non poidan encher combustible autonomamente.

"Dende COGAMI reclamamos a existencia de persoal de atención ao público nas gasolineiras durante o horario de apertura, para que as persoas con discapacidade poidan exercer os seus dereitos como consumidores e facer a súa vida coa maior autonomía posible", afirman dende a organización.

Cren que a falta de persoal imposibilita a utilización de determinados servizos a aquelas persoas con mobilidade reducida que non poidan encher combustible autonomamente, xa sexa porque non poden dispensalo polos seus propios medios ou porque non poden acceder aos dispositivos de cobro.

En coordinación con outras entidades análogas autonómicas, e coordinadas por COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) esixen que se regule nunha disposición normativa estatal a obrigatoriedade de que conten con persoal todas as estacións de servizo de carburantes, para asegurar a atención á clientela con discapacidade.

As Comunidades de Estremadura, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Castela A Mancha, Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e Murcia aprobaron medidas de obrigado cumprimento onde ten que haber a presencia dunha persoa responsable nas gasolineiras que, de non cumprise, será considerada como unha infracción grave.