Dende a Limia
04:09 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

A DXT porá en marcha unha nova campaña de control de velocidade en vías urbanas

O. Ferreiro | 18 de Agosto de 2017 (19:43 h.)
A Garda Civil de Tráfico realizando un control na Limia.
A Garda Civil de Tráfico realizando un control na Limia.

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) iniciará o vindeiro luns, día 21, unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas da comunidade galega. Esta iniciativa forma parte da programación anual da DXT e manterase durante toda a semana, ata o domingo día 27. 

Esta iniciativa forma parte da programación anual da DXT e manterase durante toda a semana, ata o domingo día 27.

Para o desenvolvemento da campaña, que estará coordinada polas xefaturas provinciais de tráfico, utilizarase o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles. Así mesmo, sempre que sexa posible, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, tanto a través dos paneis de sinalización variable como das pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico que estean nas inmediacións.

En todo caso, o desenvolvemento da campaña non supoñerá a diminución de vixilancia noutros lugares, polo que nuns casos produciranse denuncias sen notificación inmediata e noutros se procederá á identificación do condutor e á notificación "in situ", co fin de potenciar o efecto pedagóxico da concatenación infracción-denuncia.

O obxectivo é conseguir unha maior redución da velocidade media e diminuír os niveis alcanzados de grandes excesos.

Trátase de concienciar aos condutores da estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes. E é que, a diferenza da incompatibilidade entre o alcol e a condución, ou o uso do cinto de seguridade e do casco, que non son cuestionados, a consideración da velocidade como factor de risco non adquiriu o mesmo nivel de aceptación entre os condutores, e iso a pesar de que no 20% dos accidentes mortais rexistrados en vías interurbanas españolas apreciouse a velocidade como factor concorrente. Por tanto, levar unha velocidade adecuada podería evitar practicamente unha cuarta parte das mortes en accidente de tráfico. 

No desenvolvemento da campaña potenciarase a colaboración cos concellos para realizar controis en zonas urbanas, onde a velocidade é igualmente determinante por canto aumenta considerablemente o risco de morte dun peón tras ser atropelado, de aí a importancia non superar os límites. A partir de 80 quilómetros por hora é practicamente imposible que un peón se salve dun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 quilómetros por hora o risco redúcese ao 10%.