Dende a Limia
18:15 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

A figura de Carlos Casares estará presente no XIV Curso de Verán de Medios Audiovisuais de Celanova

O. Ferreiro | 04 de Julio de 2017 (15:22 h.)
Presentación do CeMAC 2017.
Presentación do CeMAC 2017.

A XIV edición do Curso de Verán de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC 2017) chega a este municipio ourensán do 4 ao 7 de xullo, baixo o título A obra audiovisual. Suma de talentos, onde se reunirán cualificados especialistas e profesionais do sector para analizar as súas diferentes disciplinas neste curso de extensión universitaria. A presentación desta actividade formativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o director do CeMAC, Miguel Anxo Fernández; o director do taller "Celanova. Plató de ficción", Paulino Pérez; o director do AGADIC, Jacobo Sutil; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares; e a directora e produtora da curta do taller, Cristina Burgos e Cecilia Gil.

Os participantes poderán trasladarse de xeito gratuíto desde os Campus de Vigo, Pontevedra e Ourense para a primeira e a última xornada.

A Deputación de Ourense colabora con esta actividade que "converte a Celanova na capital do audiovisual de Galicia durante o mes de xullo, un dos eventos de maior atractivo do municipio, dirixido ao universitario e audiovisual", lembrou Rosendo Fernández. Os interesados en asistir ao curso poden formalizar a súa matrícula ata o día 4 de xullo na páxina web: vicou.uvigo.es/gl/cultura/cursos-de-extension. Os participantes poderán trasladarse de xeito gratuíto desde os Campus de Vigo, Pontevedra e Ourense para a primeira e a última xornada, e terán tamén albergue gratuíto durante a duración do curso (30 horas).

Estudarase a relación de Carlos Casares -homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas- co cine desde varias perspectivas.

Este foro audiovisual de referencia en Galicia centrarase nesta edición en coñecer e analizar as singularidades que suman para o resultado final dun produto audiovisual, abordando cuestións como o fenómeno de Youtube e a promoción do galego a través desta canle, a relación de Carlos Casares -homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas- co cine desde varias perspectivas, e unha master class sobre a cámara e a iluminación, a cargo de Fernando Jover, entre outras actividades. "Participan máis de vinte profesionais durante os catro días de curso, cun elenco de actividades das que destacaría a xornada dedicada a analizar a película Dhogs, unha produción independente que se estreará o vindeiro outono", explicou Miguel Anxo Fernández, engadindo que"tamén será protagonista deste curso Carlos Casares, de quen analizaremos a súa relación co mundo do cine a través de diferentes actividades".

Desenvolverase unha práctica a través da cal os alumnos poderán crear un filme desde a idea ata a distribución.

Ademais, por oitavo ano consecutivo, desenvolverase unha práctica a través da cal os alumnos poderán crear un filme desde a idea ata a distribución no Taller Audiovisual "Celanova, plató de ficción". O director do taller explicou que "por primeira vez non se fixo en Celanova porque quixemos arriscar e traballar preto do mar, un reto a nivel técnico. Esperamos estrear un making of durante o curso de cómo se fixo a curta, que contamos rematala a principios de outubro".

Pola súa parte, José Luis Ferro dixo que o CeMAC é "un evento consolidado na nosa vila que nos coloca, xunto con outras actividades, no centro audiovisual de Galicia durante todo o mes de xullo", e engadiu, "cónstanos que a nosa vila ten moitos profesionais que están a repuntar no mundo do audiovisual". Mentres que Jacobo Sutil lembrou que este curso "encadra co ADN audiovisual de AGADIC, na súa liña de apoios a proxectos formativos".