Dende a Limia
17:15 h. Domingo, 25 de Febrero de 2018

"Mascaritas, o entroido solitario" recupera as tradicións rurais deste evento cultural

O. Ferreiro | 18 de Enero de 2018 (22:51 h.)
Manuel Doval, Xoan Crespo e Francisco González Bouzán
Manuel Doval, Xoan Crespo e Francisco González Bouzán

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolle nas súas instalacións unha nova mostra, nesta ocasión trátase de "Mascaritas, o entroido solitario", un ensaio fotográfico do artista Xoán Crespo que fala da súa visión persoal do "Entroido tradicional, da xente do común, que non busca a transformación senón a ocultación e o anonimato", explicou o autor da mostra, quen participou na presentación da mesma esta mañá Centro Cultural, xunto ao deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; e ao director do Centro Cultural, Francisco González.

Xoán Crespo detallou que se trata dun traballo "cunha visión onírica, realizado ás horas do luscofusco, e o anonimato das personaxes permíteme que cada un deles represente a súa aldea, que non sendo ninguén represente a todos".

"Mascaritas, o entroido solitario" encadra na liña de traballo que está a realizar a Deputación de Ourense a prol da "promoción e difusión do Entroido como elemento sociocultural estratéxico da nosa provincia", sinalou Francisco González, quen destacou que o Centro Cultural, nos últimos anos, acolle exposición vencelladas ao Entroido, e nesta ocasión, "unha mostra que ofrece unha visión diferente, a perspectiva do Entroido na aldea, recuperando tamén termos como "Mascaritas".

Pola súa parte, o deputado provincial de Cultura salientou a importancia que ten o Entroido para Ourense como "unha das nosas sinais de identidade como pobo, e que sitúan a nosa provincia como un referente a nivel estatal". En canto á mostra, Manuel Doval dixo que se trata dun traballo de "magnífica calidade que describe a realidade e métenos de cheo no que representa".

A mostra, que será inaugurada hoxe ás 20.15 horas, poderá visitarse ata o día 18 de febreiro.