miércoles 23.10.2019

A Policía Local de Xinzo intégrase no sistema Viogen de seguimento de vítimas de violencia machista

En Xinzo hai activos 12 casos deste tipo no sistema Viogen

Reunión da Xunta de Seguridade de Xinzo
Reunión da Xunta de Seguridade de Xinzo

O Concello de Xinzo de Limia acolleu onte a  mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade Extraordinaria na que se asinou o Protocolo-Acordo de Coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local de Xinzo de Limia na Protección de Vítimas de Violencia de Xénero, así como os Acordos Técnicos de Colaboración e Coordinación da Garda Civil e Policía Local de Xinzo de Limia.

6Este acordo supón un paso adiante na loita contra esta lacra, non só no Concello de Xinzo, senón en toda a provincia de Ourense. Dende a Subdelegación do Goberno provincial estase a traballar para acadar a máxima participación das forzas de seguridade locais, en sintonía co indicado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a través das Xuntas Locais de Seguridade. De feito, a pasada semana a Xunta Local de Barbadás adoptaba decisións semellantes.

O obxectivo principal que se pretende acadar con estes acordos é a optimización dos recursos humanos e materiais das Forzas e Corpos de seguridade existentes nos municipios para garantir o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero, evitando posibles duplicidades na resposta aos casos que se susciten.

Cando se formalice a convenio de adhesión ao Protocolo Viogen, os axentes da policía local de Xinzo de Limia poderán colaborar coa Garda Civil de xeito máis eficaz e directo, o cal beneficiará en último caso ás mulleres que nestes intres sufren algunha ameaza de violencia machista neste Concello. Os datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Xinzo hai activos 12 casos deste tipo no sistema Viogen.

Ademais desta decisión, a Xunta Local de Seguridade aprobou a constitución da Mesa de Coordinación Policial na mesma materia. Este órgano de cooperación servirá para mellorar a colaboración entre as forzas de seguridade presentes no Concello e incidirá nunha mellora dos operativos de protección e seguimento.

8

A reunión de hoxe no Concello levouse a cabo baixo a presidencia compartida do Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e da alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, acompañados pola Xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; o Xefe Territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo Cid; o xefe da Comandancia da Garda Civil de Xinzo; responsables de Policía Local; e outros representantes do Concello.