Dende a Limia
13:45 h. Domingo, 25 de Febrero de 2018

O PSdeG de Xinzo reclama publicidade para a exención de pago da taxa de recollida de lixo

O. Ferreiro | 05 de Febrero de 2018 (23:21 h.)
A voceira municipal do PSdeG, Elvira Lama.
A voceira municipal do PSdeG, Elvira Lama.

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia reclama ó goberno local diversas accións de difusión e publicidade, para a exención de pago da taxa de recollida de lixo en vivendas e locais baleiros, un beneficio para os veciños e veciñas desta vila, aprobada grazas a unha iniciativa dos socialistas. O pasado venres 29 de decembro de 2017 apareceu publicada no BOP a modificación e non recibir alegacións, quedou aprobada automaticamente. 

Agora, os socialistas reclaman a colocación de bandos da alcaldía, tanto en Xinzo como en outras localidades do municipio, en lugares visibles, para dar publicidade á nova redacción da ordenanza. Tamén piden que ese bando sexa publicado na páxina web do concello e que se comunique ós posibles afectados –si se dispón de relación detallada na base de datos do padrón do IBI– por medio de correo ordinario. Desta forma, os beneficiarios poderán, como interesados, solicitar a non aplicación da taxa do lixo a partir do ano 2018.

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia reclama ó goberno local diversas accións de difusión e publicidade, para a exención de pago da taxa de recollida de lixo en vivendas e locais baleiros.

Hai que lembrar que os socialistas presentaron unha moción para modificar a ordenanza reguladora, pero técnicos municipais informaron que non era posible porque a lexislación non permitía o cambio. Sen embargo, o PSdeG-PSOE municipal reclamou que a proposta quedara sobre a mesa e solicitou asesoramento técnico á Deputación de Ourense, que é o organismo que ten delegada a competencia para a recollida do lixo en Xinzo. Finalmente os técnicos provinciais deron o visto bo á proposta. 

A portavoz local, Elvira Lama, asegura que, a pesar da publicación no BOP, "moitos dos afectados por esta nova redacción non están enterados dos beneficios que representa e, en aras da información e a  transparencia que debe rexer a vida pública, reclamamos ó goberno local estas necesarias accións publicitarias".  Lama recorda que "non é de recibo pagar por un servizo que non usas cando tes vivendas sen rematar ou locais comerciais que non están acondicionados e, polo tanto, non poden xerar lixo". "Unha vez acadada a reivindicación, cremos que é fundamental darlle publicidade para que toda a poboación saiba o que non está obrigado a pagar", recalca. 

Lama recorda que a modificación da normativa era "unha demanda de numerosos veciños e veciñas que tiñan que tiñan que perder tempo en moitos trámites administrativos, pois estaban obrigados a presentar reclamacións polo pago de recibos en vivendas valeiras ou sen rematar, propiedades si suxeitas ó pago do imposto de ben inmobles (IBI), pero que nunca foron habitadas ou que incluso están en ruína e, polo tanto, non xeran lixo".