Dende a Limia
00:04 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

“ Á VIOLENCIA DE XÉNERO DILLE NON”

| 16 de Octubre de 2018 (11:24 h.)

Esta exposición é unha iniciativa que chega ao  Concello de Xinzo de Limia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, para concienciar á mocidade sobre eses “estereotipos tan nocivos “ que empanan as relación de parella, fundamentalmente na adolescencia e xuventude. Baixo o lema “ A violencia de Xénero dille Non”, preténdese previr e sensibilizar á mocidade na construción dunha sociedade sobre piares como a liberdade, a tolerancia e o respecto. Unha sociedade que faga fronte á submisión, á desigualdade e á violencia.

Once paneis de 70 x 100 cm, amosan a través dunha selección de fotografías unha realidade social que solo pode ser freada a través do rexeitamento colectivo. Nos carteis reflíctense formas de exercer a violencia que case sempre pasa desapercibida a quen a sofren, e nalgúns casos, tamén a quen a exerce por tratarse dun modelo normalizado pola cultura e a sociedade que cala con forza na adolescencia.

A “ Violencia de Xénero- Dille Non” pretende axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas nocivas como o control, a manipulación, o abuso, a chantaxe emocional e outras formas de maltrato.

Esta exposición enmárcase na programación deseñada pola Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Benestar do Concello de Xinzo, con motivo da conmemoración do día internacional para eliminación da violencia contra a muller, que no Concello de Xinzo terá a máxima visibilidade coa posta en marcha de múltiples actividades na semana do 19 ao 25 de novembro de 2018, cuxo obxectivo final é reivindicar o papel da muller na sociedade actual e  necesidade de articular políticas tendentes a garantir a igualdade e a conciliación familiar e laboral.

Silvia Blanco Cuquejo, Concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Benestar invita a toda a cidadanía a visitar esta exposición que estará aberta ao público na sala de exposicións da Casa da Cultura do Concello de Xinzo dende o dia 16 de outubro ata o día 4 de novembro  en horario de 9:30 a 13:30  horas e de 15:30 a 21:00 horas.