Sábado 20.04.2019

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión coa alcaldesa de Porqueira

A alcaldesa solicitoulle que a Consellería  asuma a redacción do Plan Básico de Urbanismo do Concello

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumirá a redacción do Plan Básico Municipal do Concello de Porqueira. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez Dorado, coa que mantivo unha reunión e na que lle indicou que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o Instituto de Estudos do Territorio (IET) serán os encargados de redactar este documento.

Indicou que este novo instrumento de ordenación, que recolle a Lei do solo, aportará seguridade xurídica e actualidade ao marco normativo en materia de urbanismo, xa que  na actualidade réxse por unhas Normas subsidiarias de planeamento (NSPP) aprobadas en abril de 1991.

Recordoulle que o Plan Básico Municipal dotará aos concellos galegos (de menos de 5.000 habitantes, como o caso de Porqueira) dun instrumento urbanístico básico que lles permitirá ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

En definitiva, contarán cunha ordenación básica, cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Comunidade Autónoma, en colaboración e coa participación dos concellos, e que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

Asemade, durante a reunión Ángeles Vázquez recordou que a Consellería de Medio Ambiente conta con programas de axudas para dar resposta ás necesidades de humanización das vilas galegas. Neste sentido, lembrou que recentemente o DOG unha nova orde de axudas, dotada con case 2,5 millóns de euros e destinada, precisamente, á creación ou mellora de infraestruturas urbanas en concellos de menos 50.000 habitantes, polo que animou ao rexedor de Porqueira a presentarse á convocatoria con este proxecto.