Dende a Limia
00:07 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

 A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou na inauguración do taller ‘As Veigas III’ promovido pola agrupación de concellos de Porqueira, Calvos de Randín, Os Blancos e Rairiz de Veiga

| 02 de Noviembre de 2018 (19:54 h.)
Obradoiro dual Porqueira
Obradoiro dual Porqueira

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na apertura do obradoiro de emprego ‘As Veigas III’   no que 20 desempregados pertencentes aos concellos de Porqueira, Calvos de Randín, Os Blancos e Rairiz de Veiga se formarán en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

 

Este é un dos 18 obradoiros duais de formación e emprego que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia ourensá e que se van poñer en marcha ao longo da primeira quincena de novembro. Trátase dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, na que o Goberno galego inviste preto de 5,2 millóns de euros e que beneficiará a 355 persoas en situación de desemprego veciños dun total de 77 concellos ourensáns.

 

Nesta edición tiveron prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal, como o que hoxe inaugurou a delegada territorial. En total, na provincia de Ourense desenvolveranse 3 iniciativas forestais, nas que se impartirán especialidades de aproveitamento, recolección, repoboación, conservación, silvicultura, construción e mantemento de infraestruturas para a prevención e extinción de incendios e de seguridade e medio ambiente relacionadas tamén coa vixilancia e extinción de incendios. 

 

No acto de inauguración, Díaz Mouteira subliñou a importancia dos obradoiros para incrementar a empregabilidade do alumnado e lograr a súa reinserción laboral. Así referiuse á principal novidade desta edición que consiste en que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. Ademais o alumnado recibe un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

A delegada territorial tamén salientou a “colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para que os obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Esta iniciativa de emprego está dotada cun investimento total 294.807 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se destinará a apoiar os custos de funcionamento e salariais, tanto do alumnado como do equipo de docentes e administrativos,  e tamén os incentivos á contratación.

Actuacións proxectadas

311018 Obradoiro dual PorqueiraDurante os nove meses de duración deste programa mixto de formación e emprego o alumnado desenvolverá traballos que teñen  dous obxectivos primordiais como son  mellorar a accesibilidadede camiños e favorecer o seu tránsito, e a prevención de incendios coa adecuación das faixas e zonas curta lumes en cumprimento da lexislación vixente de prevención e defensa contra incendios forestais.

Así, no concello de Porqueira actuarase na contorna dos núcleos de Lobios, A Retorta, Faramiñás, Xocín, Toxal, San Mamede de Sobreganade, Soutelo, Nocelo, Rosendo e na senda que une A Forxa e Fervenzas; en Rairiz de Veiga os traballos localizaranse na ruta que parte de Ponte Liñares e finaliza na Saínza, e que atravesa os lugares de San Miguel, Ordes, Zapeaus, As Cortiñas, A Cancela, Toxo e Currás. Canto aos traballos a realizar no concello de Os Blancos concentraranse en dúas rutas de sendeirismo: Os Blancos-Guntin-Penalonga-Penedo da Raiña Loba, e Fontearcada-Fonte da Cunca; e xa por último, as actuacións en Calvos de Randín executaranse na contorna das estradas Randín-Vilar-Vilariño e Vilariño-Randín.

Marisol Díaz lembrou que xunto cos obradoiros duais de emprego, na provincia se están a desenvolver outros 3 obradoiros de emprego para menores de 30 anos, a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para seguir impulsando o emprego entre a mocidade nos que participan 47 persoas desempregadas.