Dende a Limia
14:08 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

Porqueira recibe 75 mil euros da Deputación de Ourense para varias actuacións

O. Ferreiro | 03 de Noviembre de 2017 (21:34 h.)
A deputada de Transparencia da Deputación de Ourense dando conta dos acordos da Xunta de Goberno.
A deputada de Transparencia da Deputación de Ourense dando conta dos acordos da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de 204.479 euros en subvencións para a cooperación cos concellos e colaboración con distintas entidades. Así informou hoxe a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Monserrat Lama, na comparecencia posterior á reunión para dar conta dos asuntos tratados.

Porqueira percibirá 25.000 para as obras nas pistas da concentración parcelaria de San Lorenzo, e 50.000 euros para as obras de reforma da planta baixa da Casa do Concello.

A maior contía das aprobadas hoxe, case que un total de 146.000 euros, está destinada ao capítulo de cooperación cos concellos. Por unha banda, Porqueira percibirá 75.000 euros para dúas actuacións: 25.000 para o co-financiamento das obras que executará a Xunta de Galicia nas pistas da concentración parcelaria de San Lorenzo, e 50.000 euros para as obras de reforma da planta baixa da Casa do Concello. O Concello de Oímbra recibirá dúas achegas, unha para o arranxo e adaptación de velorios nas localidades de Rabal, con máis de 25.500 euros, e da Granxa, cunha axuda de 29.000 euros. Asemade, o Concello de Larouco percibirá unha achega de 16.000 euros destinada ao núcleo histórico de Seadur.

No apartado cultural, a Fundación Carlos Velo recibirá unha achega de 19.904 euros para colaborar na realización de actividades entre as que figura a organización da exposición fotográfica no centro cultural Marcos Valcárcel, coa que se pretende dar a coñecer a faciana do cineasta de Cartelle como fotógrafo.

A Xunta de Goberno acordou conceder outras axudas en materia de colaboración, como a subvención de 20.000 euros que percibirá a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina para a dixitalización do seu arquivo histórico e documental. Asemade, a Diócese de Ourense, contará con dúas achegas, unha de case 9.000 euros para a rehabilitación do centro social de Acevedo do Río, no Concello de Celanova, e outra de 10.000 euros para o arranxo do velorio Chas, en Montederramo.