Dende a Limia
12:17 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

Denuncian ao consistorio de Rairiz por non ter pagado ás orquestras da Saínza no 2015

O. Ferreiro | 29 de Septiembre de 2017 (21:37 h.)
Imaxe da Saínza deste ano.
Imaxe da Saínza deste ano.

O Concello de Rairiz de Veiga non gaña para disgustos. A actual alcaldesa, a popular, Asunción Morgade, tivo que declarar como testigo nun xuízo en Xinzo de Limia. Mais non só ela. O seu antecesor no cargo, o que primeiro fóra nacionalista, logo popular e logo inhabilitado, Xaquín Rodríguez Ambrosio, tamén acudiu aos xulgados da capital da Limia a declarar. O motivo é unha denuncia presentada por unha empresa por impagos a orquesras na Romaría da Saínza 2015.

O presidente e máximo responsable desta asociación sociocultural era, naquel momento, o inhabilitado exrexedor Xaquín Rodríguez.

A firma promotora das festas da Saínza de hai dous anos solicita ao consistorio o pago de até 47.000 euros en facturas impagadas. Os demandantes tomaron a decisión de proceder coa denuncia logo de que o pleno municipal de Rairiz rexeitase en múltiples ocasións o pago desa débeda durante os últimos dous anos. A maioría dos edís -incluídos os dous ex concelleiros do PP José Antonio Fernández e Manuel Ferreiro- consideraron que o concello non debería asumir ese custo. O argumento do consistorio para rexeitar o pago baseábase en que non foran eles quen organizara os festexos, senon a asociación sociocultural A Torrecha.

O PSdeG de Rairiz afirma que estarán "vixiantes".

O paradoxo que se da nesta situación é que o presidente e máximo responsable desta asociación sociocultural era, naquel momento, o inhabilitado exrexedor Xaquín Rodríguez, que tivo que deixar o bastón de mando por irregularidades en contratacións no concello. Ata tal punto existía relación entre a administración local e a asociación A Torrecha, que o propio domicilio fiscal da segunda era a casa consistorial de Rairiz de Veiga.

O voceiro socialista, Pablo Lorenzo, anunciou en declaracións a la Voz de Galicia, que o PSOE tomará medidas legais se o municipio debe custear finalmente ese pago. "A asociación era a que contrataba, pero as facturas están expedidas ao nome do Concello. Esa agrupación recibía cada ano axudas da Xunta e da Deputación para planificar a Saínza. Se hai débedas, son os seus responsables os que deben asumilas. Hai sospeitas de que puido haber irregularidades neste asunto e estaremos vixiantes", anunciou.