domingo 22.09.2019

Díaz Mouteira mantén un encontro institucional coa alcaldesa de Rairiz de Veiga para analizar futuros proxectos conxuntos no concello

Este concello recibiu dos distintos departamentos autonómicosachegas que suman preto de tres millóns de euros durante o período o 2015-2019

Díaz Mouteira mantén un encontro institucional coa alcaldesa de Rairiz de Veiga para analizar futuros proxectos conxuntos no concello

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho á alcaldesa do concello ourensán de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade Rúa. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos responsables municipais da provincia que Díaz Mouteira iniciou o pasado mes de xuño, logo da constitución das corporacións locais, co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de preto de tres millóns de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de máis de 620.000 euros en materia de subvencións; máis de 320.000 euros en convenios; e máis de dous millóns de euros pertencentes a outras actuacións.

A representante do executivo autonómico en Ourense subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a reestruturación parcelaria na ZCP Guillamil-Sabariz compartida co concello de Vilar de Santos, mellora de camiños municipais, creación dun velorio, mellora do acceso e sinalización da árbore senlleira Carballa da Rocha, reposición da cuberta e substitucións das portas exteriores do CEIP ‘Carlos Cid Arregui”, obras de reforzo de firme de estradas autonómicas ao seu paso polo termo municipal,  distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais e  a posta en marcha de varios obradoiros de emprego conxuntamente con outros concellos, entre outras actuacións.

Finalmente, Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello, insistindo nas “vantaxes da colaboración entre as distintas institucións, xa que aunando esforzos pódense levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns.”