Dende a Limia
03:53 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

A III andaina de Rairiz de Veiga percorrerá rutas de 11 e 26 quilómetros pola contorna natural do municipio

| 21 de Mayo de 2017 (11:37 h.)
202
202

A terceira edición da andaina do Concello de Rairiz de Veiga celebrarase o vindeiro domingo, 28 de maio, baixo o lema, “O agarimo da natureza”, ofrecendo aos participantes dúas posibles rutas: unha longa de 26 quilómetros e unha curta de 11 quilómetros. A presentación do evento tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; a alcaldesa e a concelleira de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade e María del Carmen Prieto, respectivamente; e os organizadores da andaina, Julio Domínguez e Ana Belén Míguez.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa “que fomenta a práctica do deporte e pon en valor o entorno natural do municipio de Rairiz de Veiga, sendo unha gran oportunidade para coñecer as súas potencialidades turísticas”, dixo o deputado provincial de Deportes, quen felicitou ao Concello de Rairiz de Veiga por “organizar este tipo de eventos que, a través do deporte, promocionan a provincia de Ourense”.

A proba, de dificultade media-baixa, comezará ás 9.00 horas desde A Saínza, aínda que a entrega de dorsais efectuarase 30 minutos antes de comezar. A ruta percorrerá os lugares máis emblemáticos do municipio desde as aldeas elevadas sobre o val da Limia ás veigas asoladas de Ponte Liñares, espazos todos eles, que albergan unha bio-diversidade única. No camiño, os participantes toparanse con pequenos anacos de historia, coma o campo de A Saínza, onde cada ano se pon en escena o enfrontamento entre mouros e cristiáns. Moi preto de alí perdura dende fai centos de anos a enorme presenza de A Carballa da Rocha, árbore declarada Monumento Natural no 2006, tal e como explicou a alcaldesa de Rairiz de Veiga.

 

Os interesados en participar poderán anotarse ata o día 25 de maio nas oficinas do Concello de Rairiz de Veiga, no teléfono 988465552, ou a través do correo electrónico amiguez6@yahoo.es. O prezo da inscrición será gratuíto e “ata o momento hai 104 inscritos pero esperamos chegar aos 200 participantes”, asegurou Josefa Asunción Morgade.