Dende a Limia
20:59 h. Lunes, 25 de Septiembre de 2017

A Saínza acollerá a súa tradicional representación do combate de mouros e cristiáns

O. Ferreiro | 15 de Septiembre de 2017 (22:10 h.)
Ana Míguez, Julio Domínguez, Manuel Doval, Josefa Asunción Morgade e Mari Carmen Prieto.
Ana Míguez, Julio Domínguez, Manuel Doval, Josefa Asunción Morgade e Mari Carmen Prieto.

A Saínza acollerá a súa tradicional representación do combate entre mouros e cristiáns no marco da celebración da “Romaría da Saínza” 2017, que este ano terá lugar os días 22, 23 e 24 de setembro, cun variado programa de actividades dirixido a tódolos públicos. A presentación desta celebración tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a alcaldesa e a concelleira de Cultura de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade e Mari Carmen Prieto, respectivamente; a colaboradora da Romaría, Ana Míguez; e o presidente da asociación socio-cultural Amigos da Romaría da Saínza, Julio Domínguez.

O deputado provincial de Cultura lembrou que se trata dunha celebración "tradicional e con arraigo no calendario festivo da nosa provincia".

O deputado provincial de Cultura lembrou que se trata dunha celebración “tradicional e con arraigo no calendario festivo da nosa provincia, que vén recreando desde hai máis de 150 anos no Concello de Rairiz de Veiga o combate entre mouros e cristiáns, e que no ano 2000 foi declarada “Festa de Interese Turístico” pola Xunta de Galicia”. Asemade, Manuel Doval dixo que este combate, que enfronta nunha espectacular contenda a mouros e cristiáns, “constitúe unha das máis singulares manifestación da tradición festiva galega”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Rairiz de Veiga sinalou que se trata dunha das “festas máis importantes do noso municipio e de toda a comarca, que cada ano acada unha maior afluencia de público, chegando o ano pasado aos 30.000 visitantes ao longo dos tres días de celebración, sendo o momento de maior afluencia na representación do combate o domingo”. Ademais, Asunción Morgade destacou o labor que a realizan os máis de “cen voluntarios que cada ano representan este tradicional combate”.

Celebrarase a "II Quedada de músicos tradicionais" tralo éxito do pasado ano.

Programación

O programa de actividades dará comezo o día 22 de setembro, coa descarga de bombas de palenque ás 12.00 horas e, para os máis cativos, haberá xogos populares no campo da festa e unha representación do combate de mouros e cristiáns con monicreques, ás 17.00 horas. O fin de festa será ás 23.30 horas coa orquestra Saudade. Ao día seguinte, o 23 de setembro, comezará ás 11.00 horas o II Mercado de Artesanía da Romaría da Saínza 2017, detrás do Castelo. A música chegará ás 12.30 horas coa "II Quedada de músicos tradicionais" no campo da festa. Pola tarde, ás 19.00 horas será a quenda para a VI edición de “O meu primeiro combate de mouros e cristiáns” no campo o castelo. Unha hora máis tarde, terá lugar a procesión ca Nosa Señora da Mercé desde a Capela da Saínza ata a Igrexa San Xoán de Rairiz de Veiga. Pola noite, a partir das 22.00 horas, actuarán as orquestras Solara e Alabama. Ás 23.30 horas será a lectura de poemas de Xosé Castelo no campo do Castelo, e ás 23.45 horas o asalto ao Castelo por parte dos Mouros e rematará ás 00.30 horas cos fogos de artificio no Castelo e a verbena cas mesmas orquestras.

O día 24 de setembro, a celebración comeza ás 9.00 horas coa descarga de bombas de palenque e, ás 12.00 horas, será a quenda para o pasarrúas a cargo da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense e a procesión desde a Igrexa de Rairiz de Veiga ao Castelo da Saínza, para dar paso á misa solemne ás 12.30 horas. A celebración da representación do tradicional combate de mouros e cristiáns será ás 13.00 horas no Campo do Castelo. A partir das 14.00 horas actuará a Charanga XL, que volverá amenizar a xornada ás 17.00 horas no campo da Festa. Por último, ás 19.30 horas, pechará a Romaría a orquestra La Fórmula.