miércoles 23.10.2019

Volve o tradicional combate de mouros e cristiáns ao municipio de Rairiz de Veiga

A Deputación de Ourense colabora coa celebración da “Romaría da Saínza” 2019, que se celebrará do 20 ao 22 de setembro

A “Romaría da Saínza” 2019 trae de novo a escena o tradicional combate de mouros e cristiáns ao municipio de Rairiz de Veiga, ademais dun completo programa de actividades que inclúe teatro, xogos populares, música, maxia e humor. A presentación desta celebración tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa e o concelleiro de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade e Manuel Carnero; o presidente da Asociación Socio-Cultural Amigos da Romaría da Saínza, Julio Domínguez; e o membro da organización da Romaría, José Antonio Álvarez.

Presentación da Romaría da Sainza. Asisten Rosendo Fernández (VicePresidente Deputación), Asunción Morgade (Alcaldesa Rairiz de Veiga), Manuel Carnero (Concelleiro de Rairiz), Julio Dominguez (Presidente Asociación Amigos da Romaría da Sainza) e jose Antonio Alvarez (Organizador da romaría).

A Deputación de Ourense colabora con esta romaría que é “unha das últimas festas do verán ourensán e que cada ano reúne a numerosos asistentes para ver a recreación do combate entre mouros e cristiáns, no que os veciños do municipio e da comarca, ataviados cos traxes daquela época, representan este feito ininterrompidamente desde o ano 1840”, dixo Rosendo Fernández, quen lembrou que se trata dun evento declarado "Festa de Interese Turístico" pola Xunta de Galicia, no ano 2000.

Pola súa parte, a alcaldesa de Rairiz de Veiga destacou o traballo de organización que hai detrás desta celebración para a que “esperamos unhas 30.000 persoas”. Ademais explicou que no tradicional combate de mouros e cristiáns do domingo participan “preto de 70 persoas en cada bando”, engadiu Josefa Asunción Morgade.

Programación

O programa de actividades comezará o venres, 20 de setembro, ás 13.00 horas co anuncio da festa cunha descarga de bombas de palenque. Pola tarde, a partir das 17.00 horas será a quenda para os xogos populares no Campo da Festa, seguidos ás 18.00 horas da representación do combate de mouros e cristiáns con monicreques. Ás 18.30 horas, celebrarse a obra de teatro “O Atraco” na Casa do Peto protagonizada por mulleres do municipio, e ás 20.00 horas sairán a escena os máis cativos do concello para representar a obra “O Desván”, no mesmo sitio. Tralo teatro chegará, ás 21.00 horas, o humor e a maxia co espectáculo “Todo 100” de Internacional Tanito Clown & Mágico Brais. A música será a encargada de pechar esta primeira xornada festiva coa discoteca móbil Music Scaffold e a orquestra Grupo Nebraska.

O sábado, 21 de setembro, comezará a programación ás 12.30 horas coa celebración da IV Quedada de músicos tradicionais da Romaría da Saínza 2019 no Campo da Festa. Pola tarde, ás 18.00 horas terá lugar a procesión ca Nosa Señora da Mercé desde a Capela da Saínza ata a Igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga. Posteriormente, ás 19.00 horas, celebrarase a VIII edición de “O meu primeiro combate de mouros e cristiáns” no Campo do Castelo. Chegará a música á festa a partir das 22.00 horas coa actuación da orquestra Triunfo e, a partir das 23.45 horas, será o asalto ao Castelo por parte dos mouros. Os fogos de artificio e a música a cargo da orquestra Triunfo e da discoteca móbil Gramola pecharán a xornada.

O domingo, 22 de setembro, comezará a festa ás 11.00 horas coa descarga de bombas de palenque e, ás 12.00 horas, será a procesión desde a Igrexa de Rairiz de Veiga ao Castelo da Saínza acompañada polo Grupo de Gaitas do Concello de Rairiz de Veiga. Trala misa solemne no campo da batalla chegará, ás 13.00 horas, o tradicional combate de mouros e cristiáns no campo do Castelo e, posteriormente actuará a Charanga XL no campo da festa, pechando a Romaría as orquestras Assia e La Oca.