Dende a Limia
03:52 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

Sandiás cancela a súa débeda e xa é un concello con "débeda cero".

O. Ferreiro | 30 de Mayo de 2017 (20:30 h.)
Imaxe de arquivo dun pleno anterior celebrado en Sandiás.
Imaxe de arquivo dun pleno anterior celebrado en Sandiás.

A corporación municipal de Sandiás celebrou na tarde de onte, no Salón de Plenos do consistorio, o pleno ordinario correspondente ao mes de maio. Na sesión plenaria, ademáis de abordaren diversos aspectos de carácter administrativo aprobados por unanimidade, tomouse unha decisión con respecto á débeda do concello.

Os grupos decidiron cancelar a débeda da administración local.

Os grupos decidiron cancelar a débeda da administración local –que ascendía aos 30.000 €– co remanente de tesourería existente de até 90.000 €. O acordo xa fora adoptado na Xunta de Portavoces hai varias semanas e supón deixar a Sandiás con "débeda cero". O alcalde, Felipe Traveso, cualificou a nova situación financeira do consistorio como "moi satisfactoria". Explicou o rexedor que, desde que chegaron ao goberno, foron adicando paulatinamente parte dos remanentes a ir pagando un préstamo "herdado da anterior corporación".

Pola súa banda, o edil socialista Juan Manuel Quintas sinalou que "é importante non ter débedas" para "aproveitar mellor os recursos do concello". 

Así mesmo, na vindeira Xunta de Portavoces acordarase o destino do remanente restante de 60.000 €. Traveso sinalou que será algo "a acordar cos membros da oposición". O portavoz socialista dixo que tras saber "que cantidade é a que queda exactamente" porá diversas propostas sobre mesa para seren debatidas. 

Tamén se aprobou a firma do convenio marco coa Deputación de Ourense para a xestión das instalacións de produción e distribución de augas de consumo humano.

Na sesión plenaria tamén se aprobou a firma do convenio marco coa Deputación de Ourense para a xestión das instalacións de produción e distribución de augas de consumo humano. A finalidade é comprobar o correcto funcionamento da depuradora municipal a través de diferentes análises

No turno de rogos e preguntas, o grupo socialista preguntou arredor das medidas de prevención e corrección que se deberían adoptar para afrontar a situación existente "prealerta de seca" na comarca da Limia. Sinalou o voceiro do PSdeG que unha medida preventiva podería ser a de axustar a ordenanza municipal para o consumo de auga. Arredor desta cuestión, o rexedor independente respondeu que xa a alcaldía publicara un bando informativo instando a un consumo responsable de auga por parte da veciñanza.

O celebrado onte doi o primeiro pleno despois de que o alcalde, Felipe Traveso, se sometese a unha cuestión de confianza supeditada á aprobación dos orzamentos. Ante a falta de entendemento entre os diferentes grupos da oposición, non foi posible a presentación dunha moción de censura. Isto provocou a continuidade de Traveso á fronte do goberno local.