Dende a Limia
17:59 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

O CDR O Viso retoma o programa Educación Infantil Familiar

O. Ferreiro | 09 de Noviembre de 2017 (20:31 h.)
Cartaz do programa do CDR O Viso para a Limia.
Cartaz do programa do CDR O Viso para a Limia.

O CDR O Viso retoma as xuntanzas de familia este mes de novembro por diversos puntos da comarca da Limia. Desde o ano 2015 participaron máis de 200 persoas: familias con fillas e fillos de 0 a 6 anos que asistiron semanal ou quincenalmente a puntos de encontro en aldeas das comarcas da Limia e Monterrei.

Educación Infantil Familiar favorece a igualdade de oportunidades das persoas que viven no rural.

Neste mes de novembro retómanse as xuntanzas para establecer horarios e lugares de reunión nos que nenas e nenos poderán relacionarse con semellantes, xogar, descubrir e comunicárense, ao tempo que nais, pais, avós e avoas compartirán reflexións acerca de temas de educación e crianza.

Este programa, implantado a través de COCEDER (Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural), será financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da subvención a programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Educación Infantil Familiar favorece a igualdade de oportunidades das persoas que viven no rural que, en moitos casos, non contan con servizos educativos para a franxa de idade de 0 a 3 anos. E aínda que se conte con ese servizo, a achega deste programa é reforzar o papel da familia como principal axente educador. Contribúe, pois, a "facermos un enfoque desde a perspectiva da parentalidade positiva", afirman os orgnizadores. "Nin dimitir da nosa tarefa de educar nin delegar noutras institucións aquilo que é función familiar", conclúen. Porque "o saber ten as raíces na casa de cadaquén".