Sábado 23.03.2019

Estradas desfeitas e monte sucio é o rastro das obras do AVE en Paradiña

    A aldea de Paradiña no concello de Sarreaus é un exemplo da mala xestión da man das empresas que traballan na construción do AVE. Cando representantes dunha firma de formigón se presentaron na zona, solicitáronlle ó pobo usar un espazo comunal para instalar nel unha planta móbil para fabricar dito material de construción. General de Hormigones S.A, con sede en Asturias, pagaría unha contía como aluguer do espazo e comprometeuse a deixar a zona en boas condicións ó remate dos traballos. 

ddddd

As obras do AVE comezaron e chegaron os camións de gran tonelaxe que pouco a pouco foron destrozando o firme da estrada. O camiño é usado pola xente de Paradiña e das aldeas da contorna para dirixirse a localidades como Alberguería, Laza, Verín ou Vilar de Barrio. 

fochanca 2

O que sucede agora é que os traballos na planta de formigón están paralizados pero os destrozos na zona están moi presentes. GEDHOSA lávase as mans alegando que se comprometeu a reparar danos no caso de que a empresa marchase da zona e ampáranse no feito de que a construción do AVE está parada temporalmente, non de xeito definitivo. 

O peor queda agora para os veciños e veciñas da zona e para os usuarios do vial. Nalgúns tramos a profundidade das fochancas alcanza os 10 centímetros e noutros mesmo supera os 30. Xa son varios os condutores que estragaron as rodas dos seus vehículos e denunciaron os feitos a Tráfico. 

fochanca 1

O monte tamén padece as obras do AVE. O polvo que solta o formigón exténdese pola maleza e o lixo acumúlase nos espazos verdes.

A empresa asturiana pechou, polo momento, a súa planta de Paradiña pero a veciñanza non está disposta a aguantar esta situación e piden públicamente que se tomen medidas.

fochanca 6

En Vilar de Barrio e Laza tamén denunciaron o mal estado das estradas nos seus concellos. No caso de que as empresas promotoras non se fagan cargo dos danos, sería Fomento quen ten que tomar as vías xudiciais precisas.

Polo momento ningunha das partes tomou cartas no asunto e quen padece as consecuencias das obras do AVE son os veciños e veciñas.

 

Comentarios