Sábado 23.03.2019

O nacemento do río Limia no Monte Talariño de Paradiña recibe ducias de visitas de Portugal

    Os libros sobre a historia do río Limia apuntan ó seu nacemento no Monte Talariño na parroquia de Paradiña, no concello de Sarreaus, un argumento que tamén o apoia a xente do lugar. Así tamén o recoñece a Confederación Hidrográfica Miño-Sil que destaca que o río ten unha lonxitude de 108 quilómetros e unha cunca de 2.387 km² dos que 1.329 km² están en territorio español.

O regato baixa polo pobo de Paradiña e discorre pola aldea de Couso pasando por Freixo e chegando a Sarreaus. Dende este último concello percorre toda a Limia ata que chega a Portugal onde pasa polos municipios de Ponte da Barca, Ponte da Lima e Viana do Castelo para rematar no océano Atlántico.

limia3

Precisamente os veciños e veciñas portugueses son os que máis visitan o nacemento do Limia. Para chegar a el pódese acceder pola nacional OU-113 que vén de Vilar de Barrio pasando por Borrán e Ameá ata chegar a Paradiña ou ben accedendo dende Sarreaus. Tamén se pode chegar á aldea dende Laza pola OU-113.

Unha vez en Paradiña cómpre dirixirse ata o treito por onde pasa o Camiño de Santiago e avanzar por el dirección Vilar de Barrio. O lugar está ben sinalizado tras as labores de mellora e limpeza levadas a cabo hai  uns anos polo Concello de Sarreaus. 

Alí poderán ver de primeira man como nace a auga na terra e como parte monte abaixo dando lugar ó nacemento do río Limia. 

LIMIA1

Dende o Concello de Xinzo valoran de maneira positiva que se manteña o espazo acondicionado logo de pasar moitos anos nunha situación de abandono.

Moita xente se ten achegado ata o lugar e mesmo aproveitan para meter nun frasco un pouco de auga. O espazo xa se converteu nun lugar de parada obrigatoria para os peregrinos e peregrinas que por alí pasan que non dubidan en deixar un recordo da súa visita. 

 

 

 

Comentarios