Dende a Limia
10:52 h. Jueves, 29 de Junio de 2017

O voluntariado limián reunirase en Lodoselo

O. Ferreiro | 30 de Mayo de 2017 (20:47 h.)
Imaxe de arquivo dunha actividade para nenos organizada polo CDR O Viso en Lodoselo.
Imaxe de arquivo dunha actividade para nenos organizada polo CDR O Viso en Lodoselo.

Varias asociacións da Limia organizan unha "xornada de convivencia para voluntariado" o próximo día 3 de xuño, a partir das 10: 00 horas na localidade de Lodoselo –en Sarreaus–.

O obxectivo do evento pasa por "poñer en valor a figura do voluntario que apoia diferentes proxectos na Limia. Entre as entidades participantes atópase o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, a Cruz Vermella e LIMISI Diversidade Funcional.

Dende as entidades organizadoras agardan que no futuro se poidan realizar máis actividades conxuntamente

Trátase pois dunha xornada lúdica e de encontro entre persoas que participan de maneira altruísta desas asociacións, para lles recoñecer as súas aportacións á comunidade. Tamén se convidará ao persoal técnico que participa nas diferentes entidades co obxectivo de "tecer máis rede e crear sinerxias que favorezan e sitúen ás persoas no centro das intervencións".

Algunhas das propostas que os organizadores están a barallar pasan por desenvolver actividades propias no "Pobo Escola", xogos tradicionais, conversas sobre experiencias persoais e motivacións de cada un dos voluntarios. Así mesmo, rematarase cun xantar de confraternidade.

Dende as entidades organizadoras agardan que no futuro se poidan realizar máis actividades conxuntamente para sensibilizar á cidadanía da comarca da Limia da importancia da "comunidade e dos valores que supón poñerse a colaborar en iniciativas sociais".