Viernes 22.03.2019

Aprobadas as bases para a concesión de axudas para proxectos de servizos sociais 2019

Pablo Pérez, Portavoz da Deputación
Pablo Pérez, Portavoz da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos de servizos sociais que se realicen na provincia de Ourense para o ano 2019. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta hoxe dos acordos adoptados pola dita Xunta, correspondentes ao venres 15 de marzo de 2019.

Poderanse beneficiar destas axudas as organizacións, asociacións e/ou fundacións, para proxectos que se desenvolvan integramente na provincia de Ourense e que sexan dirixidos a persoas con residencia na provincia. Tódalas solicitudes deberán responder a algunha das modalidades de axudas recollidas nas bases desta convocatoria e que son as seguintes: proxectos e actividades de emerxencia social, proxectos e actividades de prestacións de servizos sociais na provincia de Ourense, e proxectos de reto demográfico. Os requisitos esixidos varían segundo cada modalidade.

A dispoñibilidade orzamentaria destinada para estas axudas ascende aos 300.000 euros, sendo as contías máximas das axudas para a modalidade de actividades de emerxencia social de 25.000 euros, para os proxectos de prestación de servizos sociais de 15.000 euros, e para os proxectos de reto demográfico de 10.000 euros. Aínda así o importe poderá ser incrementado nun 20% no caso de que o proxecto subvencionado sexa presentado conxuntamente por dúas ou máis entidades. Os interesados en participar nesta convocatoria teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes, contando a partir do día seguinte da publicación destas bases.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou, en materia deportiva, a resolución da convocatoria para a concesión de axudas a deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais correspondente á tempada 2017/2018, pola cal a Deputación de Ourense destina un total de 29.980 euros en 48 axudas que oscilan dos 360 euros para os deportistas do cuarto grupo aos 1.485 euros dos deportistas do primeiro grupo.