Dende a Limia
00:06 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

Auga non potable na Limia

| 05 de Noviembre de 2018 (21:20 h.)
Imaxe de arquivo do Encoro das Conchas.
Imaxe de arquivo do Encoro das Conchas.

A calidade da auga na Limia, e o risco da súa degradación ata auga non potable, é dende hai tempo motivo de preocupación en SGHN (máis…). Nos últimos 10 anos SGHN dirixiu 33 escritos (PDFs) ás sucesivas consellerías “competentes” en medio ambiente, tamén a algúns concellos e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. En todos eles alertábase que:

  • Os datos oficiais reflictían unha saturación de instalacións gandeiras industriais na cabeceira do río Limia.
  • A ampla maioría das granxas industriais están vencelladas ou impulsadas polo conglomerado de empresas de COREN. Isto suxire a existencia dun plan empresarial de intensificación gandeira na chaira da Limia nos últimos 20 anos. O problema é que dito plan nunca se someteu a avaliación ambiental no seu conxunto. Xa que logo, nunca se tiveron en conta os efectos sinérxicos e acumulativos da concentración de industrias gandeiras na chaira limiá, área moi sensible dende os puntos de vista hidrolóxico, botánico e faunístico.
  • Os datos recollidos polas estacións de calidade das augas (SAICA) indican que a calidade química das augas na chaira limiá incumpre a Directiva 2006/44/CE.

Á vista desta situación, SGHN solicitou unha e outra vez á Xunta de Galicia:

  • Unha moratoria na autorización de novas granxas industriais (ou ampliacións) na bacía do río Limia.
  • Unha avaliación dos efectos sinérxicos e acumulativos das granxas existentes sobre o auga, a flora e a fauna da Limia.

As sucesivas consellerías “competentes” en medio ambiente teñen ignorado sistemáticamente as alegacións e advertencias de SGHN. Unha e outra vez, están a emitir informes ou declaracións de impacto ambiental para os proxectos de novas granxas ou ampliacións na cabeceira do río Limia afirmando que:

  • “non é previsible que xere efectos significativos sobre o medio ambiente”
  • “é ambientalmente viable”

 

Auga non potable ás veces, e empeorando

As análises oficiais das augas subterráneas que SGHN ven de obter da Confederación Hidrográfica correspondentes a 19 puntos de mostraxe (surxencias, pozos ou sondeos) desminten os informes da Consellería.

Os datos facilitados do periodo 2014-17 indican que:

  • A calidade das augas é moi boa (<1 mg/l) só en seis puntos (1/3 do total) e en todos eles os nitratos están a aumentar lixeiramente.
  • A concentración media de nitratos aumentou globalmente un 39% entre 2014 e 2017 ata situarse nos 16,3 miligramos/litro.
  • No punto MS015SUB a concentración de nitratos multiplicouse por catro entre 2014 e 2015. Dende entón manténse moi elevada, con dúas mostraxes na categoría de auga non potable e outras tres achegándose ao límite.
  • No punto MS037SUB (un pozo de captación), unha de cada cinco análises indican auga non potable pola concentración de nitratos superaba.
  • No punto MS039SUB nunha de cada tres datas a concentración de nitratos se achegaba ao límite legal para augas potables ou o superaba.
  • No punto MS062SUB acadáronse ata 174 miligramos/litro de nitratos disoltos: tres veces e media máis do admisible para augas potables.

 

Delito contra a saúde pública e o medio ambiente?

Á vista destes feitos, SGHN considera que as sucesivas consellerías con competencia en medio ambiente:

  • Non poden alegar descoñecemento das consecuencias que tería a autorización de novas granxas ou ampliación das existentes.
  • Poderían ter incurrido en neglixencia, deixamento de funcións ou prevaricación.
  • Poderían ser co-responsables dun delito contra o medio ambiente e a saúde das persoas.

En consecuencia, con data 02-11-2018 SGHN solicitou á Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense que investigue os feitos denunciados para dilucidar si existen ou non responsabilidades penais por parte dos funcionarios ou cargos de libre designación da Consellería de Medio Ambiente que asinaron as autorizacións de novas granxas ou ampliación das existentes na cabeceira do río Limia.

 

Mentres, continúa a pésima xestión de zurros e estercos

Hai agora xusto tres anos, o 30-10-2014 SGHN “axudoulle” á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a averiguar a orixe dun dos puntos da Limia máis contaminados por nitratos (máis…). Estaba á vista de quen quixera ver dende había máis de 10 anos: unha esterqueira xigantesca o aire libre no concello de Sandiás. Seica ningunha “autoridade competente” a quería ver ata que saltou aos medios cun informe de SGHN. Desapareceu en menos de 15 días.

Agora hai outra igual de grande ou máis 3 km cara ao oeste. As súas dimensións son 70 m de longo por 3,5-4 m de alto e 6-7 m de largura. Estímase que no momento de facer as fotos contiña entre 600 e 800 metros cúbicos de esterco de galiña. Á intemperie, directamente sobre a terra e xusto no límite da ZEPA de A Limia, na paraxe da Coutada (concello de Vilar de Santos), entre os ríos Limia e emisario de Antela, nunha zona asolagable.