Dende a Limia
23:03 h. Miércoles, 29 de Marzo de 2017

Baixan as infracción penais da comarca da Limia en 2016

O. Ferreiro | 15 de Febrero de 2017 (21:51 h.)
O tenente de alcalde, Manuel López, xunto co subdelegado do Goberno e as Forzas e Corpos de Seguridade.
O tenente de alcalde, Manuel López, xunto co subdelegado do Goberno e as Forzas e Corpos de Seguridade.

 

O Concello de Xinzo de Limia acolleu unha reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e Tenente de Alcalde do concello de Xinzo, Manuel López Casas, e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.

Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 26 de xaneiro de 2016, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade que afecta aos concellos de Xinzo da Limia, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás e Vilar de Santos.

reunión1

Os datos que reflicten as estatísticas amosan unha tendencia á baixa na totalidade das infraccións penais en 2016 con respecto ao ano anterior, grazas á baixada pronunciada dos delitos; pois o cómputo das faltas é semellante ao contabilizado en 2015. Tamén descenden as infraccións administrativas e pola contra, aumentan  as infraccións penais sen delitos contra a seguridade vial. O índice de esclarecemento de delitos e faltas segue a ser moi alto.

Trala avaliación dos datos estatísticos, na reunión tamén se abordou o dispositivo de seguridade que se vai por en marcha nas Festas do Entroido; que se concretou nunha planificación detallada de efectivos e medios, debidamente coordinados para que as actividades programadas dentro destas celebracións se desenvolvan con normalidade.

DECLARACIÓNS

Roberto Castro agradeceu o "magnífico traballo que exercen as Forzas e Corpos de Seguridade", pero precisou "aínda que os resultados expostos parecen manter unha liña positiva, no debemos baixar a garda". "Mentres haxa unha soa acción que lesione os dereitos dos cidadáns, o noso esforzo debe ser permanente na defensa dos seus intereses", concluíu.

Respecto ás Festas do Entroido, o subdelegado do Goberno agarda que esta importante celebración para Xinzo e a súa comarca "siga a servir de exemplo de comportamento festivo cívico e cordial, entre tódolos veciños e o gran número de visitantes que veñen de fora".