Domingo 21.04.2019
Nesta campaña repartiranse chalecos con logo DXT pero tamén con logo XUNTA DE GALICIA

Comeza a campaña autonómica de Prevención de Atropelos da DGT

Emilio González Afonso destacou a importancia da protección dos peóns.

Onte  presentouse na Subdelegación de Ourense a Campaña de Prevención de Atropelos que organiza a Xefatura Provincial de Tráfico en Ourense coordinada a nivel autonómico. Na mesma, o subdelegado Emilio González Afonso deu conta da importancia da mesma, e da relevancia que iso ocasiona na seguridade da cidadanía na provincia. Así mesmo, o Xefe de Tráfico na Provincia, David Llorente precisou os motivos da campaña e os datos rexistrados en canto a incidencias e accidentes deste tipo. Ademais o Capitán da Garda Civil de Tráfico, Anxo Rafael Rodríguez explicou o alcance deste tipo de accidentes, e as dramáticas consecuencias que poden ocasionar. No ano 2018, a estatística de falecidos por atropelo en estradas galegas pechouse con 9 peóns falecidos en vías convencionais e 5 en autoestradas ou autovías, persoas que por algún motivo atopábanse fóra do seu vehículo, na beiravía. Durante os dous primeiros meses deste ano rexistráronse 6 peóns falecidos en Galicia, o que xerou unha gran preocupación. En Ourense xa levamos 1 peón recentemente falecido na vía OU 540 en Loiro (Barbadás).Dentro da Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 da DXT identifícase como obxectivo prioritario a protección do usuario máis vulnerable, por iso ponse en marcha en Galicia esta Campaña especial de prevención de atropelos na estrada co obxectivo concienciar aos peóns e ao resto de usuarios cos que conviven sobre a importancia de facerse ver na estrada e asegurarse así de que son vistos polos condutores de vehículos. O fin último é fomentar o uso destes elementos reflectores nos peóns e consolidar un hábito de comportamento seguro na súa mobilidade. Entregaranse chalecos de alta visibilidade e reflectoras na estrada por parte dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda civil, a aqueles camiñantes, peóns, peregrinos…que se despracen polas vías sen facer uso deste tipo de pezas. Así mesmo, entregaranse a aqueles asistentes a charlas que está a organizar a Xefatura de Tráfico en determinados centros e asociacións. En canto aos condutores, lémbrase a obrigación de levar as luces do vehículo acendidas en caso de meteoroloxía adversa xa que tamén deben facerse visibles aos demais usuarios da vía, e moderar a velocidade en zonas de movementos de peóns (travesías, carreiros, zonas con casas, etc). Os estudos de accidentalidade indican que: a 80 km/ h, en caso de atropelo, falece o 95%; a 50 km/ h, o 50% e a unha velocidade de 30 km/ h, o 5%. Se se ten en conta a idade avanzada do atropelado, habitual no noso rural, estes datos aínda poderían agravarse máis. Esta campaña compleméntase coa colaboración @de la Xunta de Galicia en cuxo Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 identifica tamén como obxectivo prioritario a protección do usuario máis vulnerable. Para iso facilita periodicamente á DXT prendas reflectoras. De feito nesta campaña repartiremos chalecos con logo DXT pero tamén con logo XUNTA DE GALICIA nesta campaña como mostra da colaboración entre ambas as institucións e de ambas as administracións.