Dende a Limia
07:40 h. Martes, 23 de Octubre de 2018

Cualedro tamén conta cunha “casa niño”

| 03 de Mayo de 2018 (18:43 h.)
Casa niño Cualedro
Casa niño Cualedro

A delegada territorial da Xunta en Galicia, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe a casa niño Aprendo xogando, recentemente aberta no municipio ourensán de Cualedro, e salientou a importancia destes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais.

Esta nova infraestrutura, que atende a un total de 8 nenos e nenas en xornada partida, é unha das nove que están a entrar en servizo na provincia de Ourense dentro da última convocatoria de axudas da Consellería de Política Social correspondente ao ano 2017.

Na actualidade, Ourense é a provincia galega con máis recursos de atención á infancia e conciliación, xa que sumando as convocatorias de 2016 e 2017, as dúas realizadas ata a data, conta con 27 casas niño, das 46 previstas nas catro provincias galegas.

Díaz Mouteira sinalou que a posta en marcha destes equipamentos é unha mostra da aposta da Xunta de Galicia porque nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades. Así, salientou que ademais de atender gratuitamente ás necesidades de conciliación dos pais e nais que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes, as casas niño favorecen a equidade no acceso aos servizos por parte de todas as familias galegas, con independencia do lugar de residencia; impulsan o autoemprego e a economía social; contribúen á dinamización dos núcleos rurais e axudan á fixación de poboación no territorio.

A delegada territorial apuntou que o Goberno galego seguirá estendendo as casas niño para crear unha rede máis ampla de recursos de conciliación no rural, avanzando que no primeiro semestre deste ano sairá adiante unha nova convocatoria de axudas, a terceira, para outorgar outras 15 subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos. No seu conxunto, entre as dúas primeiras convocatorias de 2016 e 2017 e a nova orde de axudas que sairá nos vindeiros meses, a Xunta investirá 6,1 millóns de euros para facer posible a entrada en servizo dun total de 61 casas niño.

Esta medida forma parte das iniciativas que se contemplan no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que a Consellería de Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos.