Dende a Limia
07:49 h. Domingo, 20 de Agosto de 2017

Presentan novos itinerarios turísticos en tren por Ourense

| 30 de Mayo de 2017 (20:39 h.)

A nova edición da campaña de trens turísticos impulsada por Turismo de Galicia, Inorde e Renfe, ofrece 11 itinerarios dos que 5 percorren a xeografía da provincia de Ourense. Como novidade deste ano, incorpórase a ruta "Ourense termal e de compras", que combina o turismo polo casco histórico da cidade das Burgas, as Termas de Outariz e tempo libre para realizar compras opcionais pola cidade.

En total ofreceranse 11 itinerarios, cinco deles pola provincia ourensá.

Así o explicou esta mañá en rolda de prensa a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, durante a presentación da nova edición da campaña, nun acto que contou coa presenza do presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e o xerente da Área Comercial e Servizo de Atención ao Cliente de Renfe, Javier Díaz Trisac.

En total ofreceranse 11 itinerarios, cinco deles pola provincia ourensá, que estarán en funcionamento durante os meses de xuño a outubro coa intención de fomentar un turismo de calidade e sustentable.

Rutas do viño e da cidade

A delegada territorial indicou que Ourense é o principal destino deste programa turístico ao acaparar un gran número de rutas que, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer a cidade das Burgas, visitan as catro Denominacións de Orixe dos viños da provincia coa Ruta do Viño Ribeira Sacra, a de Monterrei, a do Ribeiro-Rías Baixas, a de Valdeorras-Ribeira Sacra.

Na súa intervención, Díaz Mouteira destacou a aposta da Xunta por esta iniciativa que "mellora a oferta turística global da nosa terrra ao permitir o contacto do viaxeiro coa nosa enogastronomía, e tamén achegarlles os nosos produtos e recursos naturais e termais".

Estes trens turísticos estanse a consolidar como un dos produtos turísticos máis exitosos do verán galego

A edición deste ano se desenvolverá dende o 10 de xuño ata o 28 de outubro. A nova ruta que se incorpora esta campaña destinada a capital ourensá ofrecerá dúas saídas, os días 7 e 21 de outubro.

Estes trens turísticos estanse a consolidar como un dos produtos turísticos máis exitosos do verán galego, e que este ano tamén se estenderán ao mes de outubro.  O ano pasado a ocupación media superou o 80% de xuño a setembro, recibindo viaxeiros de 19 nacionalidades diferentes. Cómpre subliñar que a ruta que percorre a Ribeira Sacra foi a máis  demandada e aceptada acadando o 100 por 100 de ocupación.

Aos itinerarios que percorren a provincia de Ourense súmanse a "Ruta dos Faros", a "Ruta dos pazos e xardíns históricos", a "Ruta da Lamprea", a "Ruta Lugo Romano", a "Ruta do viños das Ríaz Baixas", e a "Ruta Descubrindo A Coruña".