Sábado 16.02.2019

Nace a plataforma Auga limpa xa!

Veciñas e veciños das comarcas da Limia, Baixa Limia, Celanova e Monterrei vimos de constituír a plataforma Auga limpa xa! preocupadas pola grave contaminación dos nosos acuíferos, provocada polas macro-granxas e pola deficiente xestión dos residuos que xeran.

 

A contaminación da auga en cifras

 

En só tres anos aumentou nun 39% a concentración de nitratos nas masas de auga subterráneas da chaira da Limia.

Hai veciñas e veciños que están consumindo auga non potable dos seus pozos porque descoñecen que superan os 50 miligramos de nitratos por litro. Actualmente na Unión Europea o nivel máximo permitido é de 50 mg/l, sendo 25 mg/l o valor guía. As analíticas da Confederación Hidrográfica do Miño Sil chegaron a rexistrar ata 174 mg/l (agosto 2017, preto do canal da Lagoa de Antela, en Vilariño das Poldras). O mesmo organismo de cunca recoñeceu que a orixe deste problema está nos residuos gandeiros.

Como consecuencia, tamén o encoro das Conchas sofre. Verán tras verán as augas non son aptas para o baño ao estar contaminadas polo nitróxeno e o fósforo que río Limia abaixo chegan á presa, proliferando unha insalubre cantidade de cianobacterias, que tinguen a auga de verde, desprenden un fedor forte e envelenan a flora e a fauna fluviais.

 

Os datos da gandeiría intensiva

 

As granxas de polos, porcos e tenreiros suman na chaira da Limia 75.000 UGM (unidade gandeira maior). Esta produción gandeira intensiva supón unha carga equivalente á que provocarían

1.400.000 habitantes, sería o mesmo que ter a metade da poboación de toda Galicia en só o 1% do territorio galego.

A galinácea, os xurros e o esterco que xeran as 400 macro-granxas que hai na Limia convértena nunha das zonas de Europa con máis concentración gandeira. Estanse a ciscar sen control polas parcelas e montes unha boa parte destes residuos, non soamente na chaira limiá, tamén nas comarcas veciñas de Monterrei, Celanova e a Baixa Limia.

 

Na procura de solucións

 

A plataforma Auga limpa xa! chama a todos os actores implicados para buscar xuntas solucións a este grave problema. Demandamos medidas que garantan o acceso a unha auga de calidade.

Como medida urxente, destacamos unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións que xa están en funcionamento.

 

Defendemos unha gandeiría vinculada á terra produtiva e aos coidados do territorio, baseada en criterios de sostibilidade para xerar alto valor engadido e ter prezos xustos para as produtoras e produtores destas comarcas. Samente así poderemos habitar unha terra limpa e saudable, con dignidade económica, viva.