Dende a Limia
00:04 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

OURENSE CONTA CON 181 PUNTOS DE VACINACIÓN PARA ATENDER A CAMPAÑA DA GRIPE QUE COMEZA O LUNS

| 20 de Octubre de 2018 (20:35 h.)

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe en rolda de prensa a campaña de vacinación da gripe que a Consellería de Sanidade porá en marcha o próximo luns, 22 de outubro. Baixo o lema ‘Contaxia a túa enerxía e non a gripe’ a campaña prolongarase durante dez semanas de xeito continuado, ata o vindeiro 28 de  decembro.

Díaz Mouteira estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Laura López; a xefa de servizo de Alertas Epidemiolóxicas, Ana Isabel González; e pola subdirectora de Procesos de Enfermería da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Dolores Sánchez.

A delegada territorial explicou que o principal obxectivo desta iniciativa é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela.

A Consellería de Sanidade adquiriu este ano un total de 608.000 doses, 48.000 máis que a pasada campaña, e destinou un orzamento que ascendeu a 2.183.220 euros. Os responsables sanitarios consideran que para acadar os obxectivos de cobertura en Ourense ao longo de toda a campaña,  haberá que administrar unhas  63.000 doses.

Entre os obxectivos específicos destaca acadar unha cobertura do 65% na poboación de 65 ou máis anos e, ao igual que nos últimos anos, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, no que se quere conseguir unha cobertura superior ao 40%. Con este obxectivo introduciuse unha das novidades da campaña que consistiu en ofertarlle aos traballadores deste colectivo a oportunidade de vacinarse cunha semana de antelación con respecto á poboación para así poder afrontar o inicio da campaña de vacinación xa protexidos fronte a esta enfermidade, evitando o risco de transmisión da gripe aos seus pacientes.

A delegada territorial informou de que a provincia de Ourense conta cun total de 181 puntos de vacinación, nos que haberá vacinas dispoñibles durante as 10 semanas que dure a campaña, polo que esta pode levarse a cabo dun xeito progresivo evitando aglomeracións nos primeiros días.

Outra das novidades deste ano é a utilización da vacina antigripal tetravalente, que se vai empregar en dous grupos de poboación: nas mulleres embarazadas e nos menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco.

Poboación diana 

A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.

Está previsto que a partir da terceira semana da campaña, se desenvolva o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada activa. Os profesionais de enfermería chamarán á poboación entre 65 e 74 anos que non teña posta a vacina a esa altura da campaña. Ademais establécense axendas de citación especial para vacinación e realizarase vacinación aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.

A vacina antigripal non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.

Datos da pasada campaña

Ourense continúa a ser a provincia cos niveis máis altos de cobertura. En 2017 acadouse  unha porcentaxe do 62,32 %, máis de 4 puntos por riba da media galega e mellorando os resultados con respecto á campaña de 2016.

 

Na pasada campaña, na provincia ourensá notificáronse 5.266 casos de gripe, dos que 169 foron ingresados (o 46% non estaban vacinados)  e se rexistraron 8 falecementos.