lunes 26.08.2019

A plataforma en contra da planta asfáltica de Parada entregoulle un escrito a Núñez Feijoó

Intentárono a chegada ao mitin, pero non puideron

A plataforma en contra da planta asfáltica de Parada entregoulle un escrito a Núñez Feijoó

As integrantes da ASOCIACIÓN  MUIÑO DA LAMA que nestes momentos estase a mobilizar contra a implantación da planta asfáltica en Parada si lle fixeron entrega do seu escrito ao Presidente da Xunta una vez rematado o mitin do PP en Xinzo, antes de que se marchara cara a Verín.

ESCRITO PRESENTADO:

Estimado Sr. Presidente:

Escribímoslle dende a Asociación socio-cultural “Muiño da Lama” de Parada de Ribeira para expresarlle o profundo malestar e a preocupación da veciñanza en relación á apertura inminente da planta de mestura bituminosa en quente construida na mencionada aldea, no monte de Sestelo.

Permítanos poñelo en antecedentes para que coñeza a situación dende os inicios.

Todo empezou no verán de 2014, cando mediante un anuncio en prensa, asinado polo tenente de alcalde naquel momento, don Manuel López Casas, o Concello de Xinzo informaba da solicitude de licencia de actividade, por parte de OPAÍN S.L., para unha planta de asfalto que xa estaba a ser construida na nosa aldea. Naquel entón, tanto a veciñanza como o propio Concello presentamos preto de 1000 alegacións denunciando as múltiples irregularidades detectadas nese proxecto empresarial, as cales se manteñen na actualidade. Deste xeito, conseguíase a paralización cautelar das obras mediante un decreto da alcaldía, naquel mesmo verán.

Desgraciadamente isto non impediu que o expediente da solicitude de licenza de actividade de planta seguira o seu camiño administrativo ata a concesión definitiva da licencia de actividade en maio do ano 2017.  Nese mesmo ano, presentabamos preto de 5000 sinaturas en contra desta barbaridade medioambiental, así como un recurso de reposición da licencia municipal de actividade, que o Concello de Xinzo decidiu desestimar.

Ademais, en xaneiro de 2018, a empresa propietaria da planta, OPAÍN S.L., solicitaba unha licencia para crear unha zona de acopio de material resultante do fresado de aglomerado asfáltico de estrada, co obxectivo de tratalo posteriomente como subproducto (gravilla) dentro da instalación xa existente. A capacidade de tratamento sería dunhas 600 toneladas de gravilla. O proxecto presentado inicialmente no Concello contempla un volume de producción de asfalto de 250 toneladas ao día. Trataríase pois de 850 toneladas de producto a escasos metros das nosas casas.

Finalmente, a planta comezou as probas de actividade en marzo deste ano 2019 e o inicio definitivo semella inminente.

As irregularidades ás que nos referimos anteriormente son:

 • A incompatibilidade da clasificación urbanística do solo.

 • O alto risco que supoñen os gases e residuos emitidos para a agricultura e para a gandería da comarca e sobre todo para a saúde das persoas, aumentando a incidencia de enfermidades respiratorias (asma, bronquite,EPOC…), de problemas dermatolóxicos e oftalmolóxicos, así como de cancro. E na Limia, os ratios desta enfermidade xa superan significativamente os doutras áreas da provincia.

• A distancia inferior a 600 metros das casas habitadas máis próximas.

• A incompatibilidade cunha delimitación de zona ZEPA (Zona de especial protección de aves).

• A afectación de regatos, fontes e mananciais, incluído o principal acuífero subterráneo de onde o Concello de Xinzo capta a súa auga potable, tal e como vén advertindo a Sociedade Galega de Historia Natural.

 • O aumento da temperatura das zonas máis próximas, o que incrementará considerablemente o risco de incendios.

Sen esquecer que o volume de producción de 250 toneladas diarias, sen incluir a ampliación da actividade, implicará o paso de 400 camións cada 16 horas por unha estrada non acondicionada para ese trasego e que significará un incremento potencial dos accidentes automobilísticos, así como de barullo na aldea. Asimesmo, a auga utilizada pola planta, tras estar en contacto con aceites e outros productos hase filtrar subterraneamente contaminando regatos, facendo as augas inservibles para o regadío e o consumo.

En Parada de Ribeira, a maioría dos vecinos son persoas maiores e a pouca xuventude que alí vivimos non estamos dispostos á criar aos nosos fillos rodeados de chapapote. Quen máis ou quen menos ten unha hortiña e algunha leira para as patacas, o trigo, o centeo… Ademais, hai varios propietarios de granxas, cuxas explotacións tamén sufrirán tamén as consecuencias negativas da actividade da planta.

Pero non caia no erro de pensar que se trata dun problema limitado á unha aldea de 200 veciños. Atopámonos ante unha gravísima ameaza global, que nos afectará directa ou indirectamente a unhas 10.000 persoas,tanto de Parada de Ribeira, como de Soutelo de Ganade, Seoane de Oleiros, Piñeira Seca, Damil, Gudes, Guntimil, Fiestras, Laroá,Tixós, Mosteiro…

Queremos facer fincapé en que non estamos en contra da modernidade, nin de dotarnos de potentes infraestruturas de asfalto que vertebren e conecten o noso país. Pero si pedimos que se fagan as cousas ben. Esa planta debería estar nun recinto con tódalas garantías, supervisión e controis necesarios.

Agradecéndolle de antemán a súa atención, e en espera dun compromiso pola súa parte para que a planta sexa clusurada de forma definitiva ou sexa trasladada do seu emprazamento actual, reciba un cordial saúdo.

Atentamente,

                                                                             Laura Parejas Suárez

                                                                             Presidenta do Muiño da Lama