Dende a Limia
16:36 h. Lunes, 22 de Octubre de 2018

Solicitamos a execución das melloras na Avenida de Celanova

| 17 de Diciembre de 2017 (16:49 h.)

A plataforma cidadá "Amigas e Amigos das Árbores da Limia" continúa activa na defensa daquilo que é a súa razón de ser, a protección da contorna e das súas especies vexetais. E é que lamentablemente este traballo que estamos a facer segue sendo unha necesidade imperiosa dada a neglixencia e a actitude antiecolóxica das distintas administracións.

622En maio a Xunta recapacitaba, grazas á mobilización do pobo, e anunciaba a reformulación do proxecto de mellora da Avenida de Celanova sen cortar as árbores centenarias. O único que fixo o goberno municipal de Xinzo dende entón foi solicitar, e cinco meses despois, á Consellería de Infraestruturas a cesión dun treito da vía. A día de hoxe, e malia os nosos continuos requirimentos, non coñecemos aínda a titularidade da mesma.

Aumenta o malestar pola paralización do proxecto

A avenida de Celanova é só un bo exemplo do desleixo do goberno local de Xinzo coas súas obrigas, o mantemento dos servizos e as infraestruturas. Meses despois esta estrada segue deteriorándose e aumentado a súa inseguridade para o tráfico e os peóns. Os plátanos están esmoucados e doentes tras anos de falta dos coidados axeitados. Aínda por riba, o concello non limpa dabondo a rúa e as follas das árbores acumúlanse e colapsan os sistemas de saneamento.

 

Ante estas queixas da veciñanza, o alcalde de Xinzo contestou nun medio de comunicación que estes problemas "son as consecuencias de non ter feito a obra como estaba prevista" (5/12/2017). Queremos comunicar a Antonio Pérez que se a obra fose no seu momento pensada cun mínimo de intelixencia, eficiencia e sensibilidade, como esta plataforma propuxo dende un principio, a estas alturas xa estaría rematada. E aínda así, necesitaría que as follas das árbores fosen retiradas periodicamente como se fai en todas as vías arboradas urbanas do mundo. 

Agradeceriamos ao rexedor e o seu grupo de goberno que se interesen polo proxecto e informe aos cidadáns que representa ata que a obra sexa unha realidade.

Esta plataforma tamén vai solicitar un encontro coa Delegada da Xunta en Ourense co obxectivo de coñecermos de xeito claro e serio o estado de tramitación do proxecto para a necesaria reforma da coñecida na Limia como a estrada do San Mateo.

Amais, iniciaremos os procedementos precisos para o recoñecemento do conxunto arbóreo da Avenida de Celanova como Espazo Natural de Interese Local e a súa correspondente catalogación oficial protectora.

Voluntariado contra as desfeitas dos lumes

Amigas e Amigos das Árbores da Limia segue organizando actividades e accións, en colaboración con outros colectivos, para protexer os nosos montes tralos devastadores incendios forestais de outubro. Tarefas que están desenvolvendo cidadáns voluntariamente ante a inoperancia da Xunta. Este abandono xa trouxo máis consecuencias nefastas coas últimas choivas, a erosión do solo e o arrastre de cinsas e vexetación morta contaminando cultivos, prados e ríos.