Martes 18.06.2019

“X” humanas animan ás persoas contribuíntes a marcar o recadro de fondos sociais na declaración da renda

Un 54,57 % das persoas contribuíntes en Galicia marcaron o recadro de “Actividades de interese social”.

Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Ferrol, Ribeira, A Mariña lucense acolleron esta mañá a presentación da nova campaña da “X Solidaria” formando unha cadea humana, para debuxar unha x xigante co fin de visibilizar o debuxo da X Solidaria e chamar a atención sobre a importancia de marcar a casiña de FINS SOCIAIS cando fagamos a declaración da renda.

Todas as persoas concentradas son beneficiarias dos programas que se desenvolven a través do recadado marcando o recadro 106 deActividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na declaración, un simple xesto que non custa nada, e que axuda a moitas persoas a través de programas tan diversos como atención de persoas sen fogar, persoas con discapacidade, maiores, mulleres en dificultade social, vítimas de violencia de xénero…

Dende as entidades concentradas resaltaron a importancia de marcar a X, porque “beneficia directamente a milleiros de persoas en Galicia”.

Todas as entidades concentradas representan ao Terceiro Sector galego e todas coinciden na necesidade de “facer un chamamento á cidadanía para que marque o recadro do X Solidario. A Administracion ofrécenos a posibilidade de decidir a que queremos destinar unha parte do diñeiro que se recada cos nosos impostos. En concreto o 0,7 %. Esa porcentaxe irá destinada a facer proxectos sociais para as persoas en risco de exclusión social. España é un dos países con máis desigualdades dentro da Unión Europea. Hai 13 millóns de persoas que están en situación de pobreza e se tódalas persoas que non marcan a X Solidaria o fixeran, poderíamos recadar 11 millóns de euros máis”.

Mediante estas concentracións cidadás, dende os movementos asociativos queren destacar que o feito de marcar o recadro de Fins Sociais é un dereito que temos toda e todos: escoller a onde van a parar os nosos impostos.  O que pretendemos con esta campaña, é animar á xente a que marque o recadro de “Actividades de interese xeral”, porque non estaremos pagando máis  impostos, nin recibiremos menos cartos no caso de devolución: o que faremos será contribuír á organización de programas e proxectos para as persoas en risco de excusión social