Dende a Limia
05:45 h. Miércoles, 14 de Noviembre de 2018

A verza máis grande da Limia atópase en Vilar de Gomareite e mide 5,6 metros

| 13 de Octubre de 2016 (18:31 h.)

    A parroquia de Vilar de Barrio recibe máis visitas que nunca é o motivo é que a xente quere ver de preto a verza máis grande da Limia. A planta mide 5,6 metros de altura, ten tres anos de vida e medra un metro e medio por ano. O obxectivo do seu dono é que aguante o inverno e así poder acadar os 6 metros de altura. 

Juan Salgado de Vilar de Gomareite confesa que os coidados son diarios. Cada día acode xunto a verza e sácalle as follas con moito agarimo. Juan mantén que só con abono e auga non é suficiente senón que a planta precisa tamén de cariño. 

O certo é que os seus coidados non deben ser tan malos pois xa ten unhas verzas do ano pasado que van polos 2 metros e 70 centímetros. 

A verza de Juan xa é coñecida por todo o mundo debido a que o Camiño de Santiago pasa pola zona e son moitos os peregrinos que se paran a sacarlle unha fotografía. 

Os veciños e veciñas de Vilar de Gomareite consideran que teñen unha terra excelente e debe ser ese o segredo de que sexa coñecida como a aldea dos produtos xigantes. Os cabazos e as patacas que nacen nesta zona tamén superan o tamaño normal. A xente do lugar confesa que mesmo hai persoas que se achegan na busca da semente.