Dende a Limia
03:54 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

O alcalde de Vilar de Santos reúnese co presidente da Xunta

O. Ferreiro | 01 de Junio de 2017 (19:58 h.)
O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta recibiu onte ao alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, en San Caetano. Na entrevista mantida, o alcalde trasladoulle ao Feijóo diversas necesidades e proxectos de interese para o concello para os que solicitou a colaboración da Xunta de Galicia, facéndolle entrega dunha pequena memoria das actuacións:

A memoria entregada polo rexedor limián contiña:

A Área de Rehabilitación Integral-ARI, agora Área de Rexeneración e Renovación Urbana de Vilar de Santos.

É preciso lembrar que na primeira fase da ARI, no ano 2015, aprobáronse as bases reguladoras da primeira convocatoria de subvencións para a rehabilitación que permitiu actuacións en 11 vivendas. Unha nova fase, no 2016, permitiu obras en tres vivendas máis. Neste ano 2017, unha nova fase-prórroga permitirá actuacións de rehabilitación, coas axudas económicas previstas, en 21 novas vivendas para o ámbito da ARI.

O concello puxo en marcha xa no ano 2008 o Centro de Atención de Persoas Maiores, co obxectivo prioritario de atención ás persoas maiores no seu entorno.

"Co apoio da Xunta pretendemos iniciar un proxecto de urbanización e acondicionamento das rúas e dos espazos públicos da ARI, así como continuar coa recuperación e posta en valor dunha zona hoxe deteriorada contribuíndo á conservación e rehabilitación para fixar poboación e revitalizar os entornos", afirma Jardón.

A ampliación do Centro de Día e Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos

O concello puxo en marcha xa no ano 2008 o Centro de Atención de Persoas Maiores, co obxectivo prioritario de atención ás persoas maiores no seu entorno. Creáronse 14 prazas para usuarios de Centro de Día e a finais do 2012 entrou en funcionamento a Vivenda Comunitaria con 6 prazas. Trátase dun Centro polivalente que combina nun mesmo edificio as posibilidades dun centro de día cunha zona residencial de vivenda comunitaria con espazos comúns complementarios e todo tipo de servizos integrados e actividades cunha atención especializada e de calidade.

"Agora pretendemos ampliar o proxecto con novos recursos para poder dar unha atención integral e poder transformalo nun Fogar Residencial que cubra todas as nosas necesidades", comenta o rexedor de Vilar de Santos.

O Museo da Limia

"Pretendemos levar a cabo actuacións para corrixir as deficiencias propias dun edificio histórico", afirma Jardón.

"Pretendemos levar a cabo actuacións para corrixir as deficiencias propias dun edificio histórico que precisa de atencións e labores de mantemento continuadas e custosas co obxectivo de seguir conservándoo e poder continuar e divulgar a colección etnográfica máis importante e representativa da cultura popular e do patrimonio cultural da comarca da Limia, así como unha das máis importantes de Galicia", di Jardón a este respecto.

Trátase dun museo que, desde o ano 1996, vai a máis. Nos últimos anos véñense actualizando constantemente contidos e pezas, así como novos programas de dinamización e organización doutras actividades.

Así mesmo, Jardón tamén lle trasladou a Feijóo a necesidade de mellora de varias infraestruturas deportivas.

O alcalde, após a reunión, fixo unha valoración positiva da entrevista mantida, xa que "lle puidemos trasladar directamente ao presidente da Xunta as necesidades e proxectos dun concello que ten optado polo aproveitamento e posta en valor dos recursos e capacidades locais para dotarse de infraestruturas e servizos públicos de calidade". Jardón afirma que o que dirixe é "un concello referente na busca de alternativas, con indicadores e variables que reflicten unha xestión pública transparente e eficiente".