Dende a Limia
16:57 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

Ángeles Vázquez destaca á empresa Carabuñas como exemplo de innovación no rural

| 08 de Julio de 2018 (20:53 h.)

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de visitar a explotación da empresa Carabuñas, en Vilar de Santos, un negocio dedicado en exclusiva á elaboración de toda clase de produtos (conservas, licores...) a partir do sabugueiro. Precisamente Ángeles Vázquez destacou o compoñente innovador deste negocio, xa que a partir dun arbusto silvestre tan común en Galicia creouse toda unha empresa de éxito e alternativa neste Consello ourensán.

“Demostra que o rural galego ten moitas posibilidades e que hai demanda noutros sectores máis pequenos que o lácteo ou cárnico”, sinalou a titular de Medio Rural, que aproveitou para felicitar aos titulares pola súa idea e o traballo que veñen facendo dende o ano 2011.

Na liña do que defende a Xunta de Galicia, estes dous emprendedores apostaron polo aproveitamento dos recursos naturais e a súa transformación para aumentar o valor da materia prima. Neste sentido, Ángeles Vázquez ofreceu a axuda da consellería para garantir o bo futuro deste negocio, que xa vende tamén a través de internet.

De feito, esta empresa é unha das beneficiarias das axudas máis destacadas da Consellería do Medio Rural, a da convocatoria para plans de mellora e primeiras incorporacións. No 2016 os titulares beneficiáronse dunha subvención de 25.000 euros pola primeira instalación. Ademais, a consellería colabora con eles para apoiar a súa presenza en diferentes feiras e certames sectoriais, caso de Alimentaria ou Gourmets.