lunes 26.08.2019

Melloras na escola infantil de Vilar de Santos

O Concello de Vilar de Santos executou melloras na Escola Infantil cunha axuda de 8.061,70 euros da Consellería de Política Social para investimento nas infraestruturas e equipamento das escolas infantís de 0-3 anos

Escola infantil Vilar de Santos decembro 18
Escola infantil Vilar de Santos decembro 18

Instalouse unha pérgola, canlóns e mellorouse unha zona do xardín, que vai permitir que os nenos e nenas poidan xogar, correr e desfrutar ao aire libre de forma segura. Do mesmo xeito, coa pérgola evitamos que nos días de chuvia, se mollen agardando para acceder ao centro. Tamén se adquiriu un armario para exterior de almacenamento e liberar espazos. Para a cociña mercouse un lavalouzas, que se facía necesario para os utensilios do almorzo e xantar.

Tamén estreamos material educativo, unha mesa de luz como elemento novidoso que permite realizar actividades de experimentación, descubrimento e observación. Do mesmo xeito, cos módulos de psicomotricidade conseguimos crear circuítos variados onde os nenos e nenas traballan o equilibrio, a lateralidade e descobren as posibilidades de acción do corpo a través do movemento. O set do recinto infantil axúdanos a organizar a distribución da aula á hora de programar as actividades. O último equipamento foi unha cámara de vídeo para recoller as actividades realizadas.

A calidade da Escola Infantil como un servizo público de titularidade municipal e xestión directa por parte do concello; as instalacións e o equipamento; o horario de apertura de luns a venres de 8 a 16 horas; contar con persoal especializado e cualificado na atención educativa á infancia e todas as melloras e dotacións continuas son claves que fixeron posible que Vilar de Santos conte agora mesmo cunha escola infantil de referencia na provincia.

No ano 2009, a Consellería de Educación pechaba a Escola Unitaria de Vilar de  Santos, por ter naquel momento 4 nenos, adoptando unha decisión sen ter en conta as alegacións e circunstancias presentadas. Desde o grupo de goberno do Concello non nos resignamos e demostramos que é posible poñer en marcha novos proxectos e servizos, planificados e comprometidos coa realidade do mundo rural e cun ensino de calidade, contextualizado e dinamizador do medio. Desde a súa apertura no ano 2013, a Escola Infantil de Vilar de Santos segue medrando; é un éxito innegable e permítenos poñer á disposición das familias con nenos entre os 0-3 anos, un servizo moi especializado para contribuír tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas como á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. Nestes anos de funcionamento conseguimos incrementar ano a ano o número de usuarios da escola. No curso 2017-18 houbo 12  nenos, e no presente curso temos 13 nenos e nenas matriculados e a previsión de máis incorporacións.

A Escola é unha nova alternativa, mellorala outra aposta de futuro máis e neste momento no que se está a producir unha supresión e redución de aulas, profesorado e servizos educativos na provincia, reforza toda a dotación de infraestruturas e equipamentos públicos do concello de Vilar de Santos para facer fronte ás novas demandas, frear o envellecemento e seguir avanzando na calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas e tamén xerar atractivo para persoas que queiran establecerse entre nós.