Dende a Limia
01:27 h. Sábado, 21 de Octubre de 2017

As novas loitas ambientais na Limia, no foco da xornada "Á conversa na Taberna"

O. Ferreiro | 04 de Julio de 2017 (15:32 h.)

No pasado mes de novembro, o Museo Etnográfico da Limia encetaba un novo formato, inspirado nos Cafés da Memoria organizados pola institución irmá, o Museo do Pobo Galego. A primeira "Conversa na Taberna" non tiña outra intención que a de se xuntar ao redor dun tema de interese para a comarca e que se parolase, procurando máis un diálogo ca unha palestra expositiva. Daquela contouse con Carmen Martínez Quintas –Faragullas– e Eva González –Carabuñas–con quen se debateu sobre o que significa emprender no rural. Os cafés e mailos tés púxoos, daquela, o CS de Vilar de Santos.

Voltarase a repetir a xuntanza para parolar sobre un tema de actualidade na nosa comarca como son as loitas ambientais.

Desta volta, voltarase a repetir a xuntanza para parolar sobre un tema de actualidade na nosa comarca como son as loitas ambientais, e que se encadra no obxectivo que se ten marcado o Museo este ano de abordar o 60º aniversario do comezo das obras de desecación da Lagoa de Antela, cunha serie de actividades á volta da efeméride.

Para esta segunda edición da "Conversa na Taberna" contarase con Odilo Lorenzo, portavoz da plataforma "Non á Planta Asfáltica" entidade que busca evitar a controvertida instalación dunha planta de misturas betuminosas na parroquia de Parada de Ribeira (Xinzo de Limia). Estará tamén presente María Carmen Díaz, voceira da plataforma Corno do Monte , asociación impulsada en 2013 para evitar a creación dunha mina de feldespato que afectaría á veciñanza de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos; todas elas aldeas de Xinzo de Limia –de momento a xustiza está a darlles a razón aos membros da plataforma–. Próxima a esas localidades, atópase a área afectada pola vaga de lumes cuxo epicentro foi o Concello de Cualedro; polo que polo colectivo Non máis Lume no Concello de Cualedro contarase coa presenza de Fernando Domínguez Dapía, voceiro da plataforma.

Lola Peláez representará ao colectivo Amig@s das Árbores da Limia.

Lola Peláez representará ao colectivo Amig@s das Árbores da Limia, entidade constituída por mor da intención do consistorio de Xinzo de avanzar co redeseño da Avenida de Celanova, estrada de entrada de Xinzo e que conta cun percorrido arborado –ese redeseño ía supor a tala das árbores–. Pola Baixa Limia, contaremos con Xoán Carlos Rodríguez, presidente da SCDX Fontefría, quen abordara a problemática da contaminación por cianobacterias no encoro das Conchas.