Dende a Limia
19:35 h. Sábado, 18 de Noviembre de 2017

Vilar de Santos abre o prazo de matricula na Escola Infantil

| 02 de Julio de 2017 (13:16 h.)
Escola infantil Vilar de Santos
Escola infantil Vilar de Santos

Desde a súa apertura no ano 2013, a Escola Infantil de Vilar de Santos, segue medrando e o obxectivo inicial de convertela nun espazo dinamizador de referencia e de atención educativa conseguiuse plenamente. A Escola é un éxito innegable e permitiunos poñer á disposición das familias con nenos entre os 0-3 anos, un servizo moi especializado para contribuír tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas como á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. No presente curso 2016-17, que agora remata houbo 9 matriculas e para o vindeiro curso 2017-18 xa fixeron a preinscrición 9 nenos.

A Escola é un servizo público de funcionamento diúrno, de titularidade municipal e xestión directa por parte do concello. Permanece aberta de luns a venres en horario de 8 a 16 horas e conta con dúas prazas de persoal especializado na atención educativa á infancia.

No novo curso continuaremos cos servizos e novos proxectos e actividades dentro dunha planificación comprometida coa realidade do mundo rural e cun ensino de calidade, contextualizado e dinamizador do medio.

O día 30 de xuño terá lugar a clausura do curso na Escola cunha pequena festa, con actividades, animación e unha pequena merenda para os nenos e nenas e as súas familias. A Escola permanecerá pechada durante o mes de agosto, no que aproveitaremos para facer pequenos arranxos e tarefas de mantemento e melloras no equipamento do centro.

O vindeiro curso comezará novamente o 1 de setembro co período de adaptación dos nenos e nenas.

A Escola é unha nova alternativa e neste momento no que se está a producir unha supresión e redución de aulas, profesorado e servizos educativos na provincia, reforza toda a dotación de infraestruturas e equipamentos públicos do concello de Vilar de Santos para facer fronte ás novas demandas. A Escola Infantil é outra aposta de futuro máis desde o grupo de goberno do Concello para garantir e seguir avanzando na calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas. Un servizo público de alta calidade que se consolida día a día co obxectivo de frear o envellecemento e a despoboación, permitindo reducir o descenso demográfico e xerar atractivo para persoas que queiran establecerse en Vilar de Santos.