Dende a Limia
21:31 h. Lunes, 20 de Agosto de 2018

Vilar de Santos abre o prazo de solicitudes para a Escola Infantil

| 09 de Marzo de 2018 (20:19 h.)
Escola infantil Vilar de Santos
Escola infantil Vilar de Santos

O Concello de Vilar de Santos, ten aberto o prazo para solicitar praza na Escola Infantil desde o luns día 5 de marzo ata o próximo 5 de abril, para o vindeiro curso 2018-19.

Desde a súa apertura no ano 2013, a Escola Infantil é un éxito innegable. Reforza toda a dotación de infraestruturas e equipamentos públicos do concello para facer fronte ás novas demandas e permitiunos poñer á disposición das familias con nenos entre os 0-3 anos, un servizo moi especializado para contribuír tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas como á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. No presente curso 2017-18, están matriculados 12 nenos.

A Escola é un servizo público de funcionamento diúrno, de titularidade municipal e xestión directa por parte do concello. Permanece aberta de luns a venres en horario de 8 a 16 horas e conta con dúas prazas de persoal especializado na atención educativa á infancia.

No novo curso continuaremos cos servizos e novos proxectos e actividades dentro dunha planificación comprometida coa nosa realidade e cun ensino de calidade, contextualizado e dinamizador do medio.

A Escola Infantil é unha nova alternativa neste momento no que se está a producir unha redución de aulas, profesorado e servizos educativos na provincia. A Escola é outra aposta de futuro máis desde o grupo de goberno do Concello para garantir e seguir avanzando na calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas. Un servizo público municipal de alta calidade que se consolida día a día co obxectivo de frear o envellecemento, permitindo reducir o descenso demográfico e xerar atractivo para as persoas que viven e aquelas que queiran establecerse en Vilar de Santos.