Dende a Limia
11:59 h. Miércoles, 23 de Agosto de 2017

Vilar de Santos inicia unha completa axenda de actividades de verán

O. Ferreiro | 06 de Agosto de 2017 (22:14 h.)
Imaxe do campamento de verán de Vilar de Santos.
Imaxe do campamento de verán de Vilar de Santos.

O Concello de Vilar de Santos organiza para este verán numerosas actividades, durante os meses de xullo, agosto e setembro. Todas as actividades ofrecen alternativas lúdicas para o tempo libre, e teñen destacado pola convivencia e a participación nos diferentes espazos e lugares do concello.

A piscina municipal continua co programa habitual e apertura diaria polas tardes.

Continua o Campamento de Verán do Concello, ata o mes de setembro, todos os días polas mañás con obradoiros, xincanas, xogos, saídas, actividades na piscina municipal, cociña e outras actividades lúdicas e formativas dirixidas aos mais pequenos de 3 a 12 anos. Con el, preténdese ocupar o ocio e o tempo libre dos rapaces durante o período de vacacións de verán e facilitar a conciliación das familias. Están inscritos 24 nenos nas diferentes quendas.

A piscina municipal continua co programa habitual e apertura diaria polas tardes. Incorporamos novas actividades varios días pola maña para os máis pequenos e tamén os maiores. Este ano incrementouse a afluencia diaria ás instalacións.

Este ano incrementouse a afluencia diaria ás piscinas municipais.

No Telecentro do Concello, que está incluído na rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, durante xullo, agosto e setembro –polas mañás– organízanse actividades para achegar o uso das novas tecnoloxías ou mellorar coñecementos. Agora en agosto hai programados obradoiros gratuítos de Programación e Videoxogos con Scratch –o 1 e 2 de agosto e despois o 22 e 23 de agost–. Serán de 12 a 13 horas e para nenos dende os 8 anos.

Continúase tamén co Programa de Envellecemento Activo que se ven facendo nos últimos anos e que está dirixido fundamentalmente ás persoas maiores do concello, con actividades adaptadas. Agora no verán, todos os luns de 11 a 12 horas, incorpórase a psicomotricidade acuática na piscina municipal.

Campamento Vilar de Santos 1

Trala boa acollida e participación do ano pasado, realizarase unha Observación Astronómica "O ceo de Vilar de Santos", o 10 de agosto, desde as 22:30 horas. Enmárcase dentro do Programa Todocosmos 2017, unha actividade divulgativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela que ten como obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade medíante diferentes actividades para todas as idades e ao alcance de todos.

Outra actividade de éxito é o Cine de Verán, que se desenvolverá na Praza do Concello ao aire libre coa proxección da película "Mascotas" para toda a familia, o 20 de agosto ás 22 horas.

 

MUSEO DA LIMIA

No Museo da Limia, seguindo coa liña emprendida nos últimos tempos de expor no seu recinto materiais da propia veciñanza da comarca limiá, acollerase ata o 31 de agosto, unha exposición de máis de 200 figuras de ras, pertencentes á colección particular do veciño da Limia, Antonio Blanco. A citada exposición leva o mesmo título do libro do escritor limiao Rafael Laso Lorenzo: "Unha vida de ra" presentado no propio Museo e que colabora na mesma con frases e textos entresacadas do citado libro e con fotos de raneiros da comarca que hai anos se dedicaban á pesca da ra na antiga Lagoa de Antela e no Canal posterior á súa desecación.

Tamén haberá unha actuación no mes de setembro dentro do ciclo das Noites do Museo, a parte de poder visitar o Museo no horario de apertura habitual.