Dende a Limia
05:54 h. Sábado, 15 de Diciembre de 2018

Vilar de Santos lanza unha APP Municipal

| 19 de Marzo de 2018 (21:23 h.)

O Concello de Vilar de Santos puxo en marcha hai uns meses un Plan de Modernización Dixital que contempla a implantación dun conxunto de medidas dirixidas a fomentar a transición do modelo analóxico ao dixital co horizonte deste ano 2018. Os obxectivos son lograr que o Concello evolucione no ámbito dixital mediante a incorporación tanto de novos servizos como na xestión interna municipal.

Neste sentido no mes de novembro modernizamos e actualizamos o portal Web, para mellorar os contidos nun novo formato, adaptado, para os dispositivos móbiles e nas Redes Sociais cara o novo dominio - vilardesantos.gal- así como o novo servizo da Administración Electrónica - vilardesantos.sedelectronica.gal -  que será o punto de referencia para as xestións administrativas online do concello, simplificando e facilitando os procedementos, sen papel, en calquera momento e desde calquera lugar con acceso a internet.

Agora engadimos unha peza mais, co lanzamento dunha APP municipal - Vilar de Santos App. Unha Aplicación para instalar en dispositivos móbiles. Esta ferramenta está pensada para potenciar a mobilidade e a participación veciñal, mediante unha aplicación moi sinxela de instalar e manexar.

Vilar de Santos App é unha ferramenta para o servizo público e tamén para a participación veciñal, onde ademais de conectar cos contidos da actualidade municipal, abrimos unha canle de comunicación directa cos veciños e veciñas, facer consultas, enviar incidencias ou suxestións, en cuestións como avarías de auga, saneamento, alumeado público, camiños, mobiliario urbano,…e ao mesmo tempo recibir notificacións e avisos importantes en tempo real.

Os servizos e características de Vilar de Santos App están estruturados en: Actualidade Municipal,  Axenda de Actividades, Participación Cidadá: envío de consultas e incidencias, Directorio Municipal,  Información práctica dos lugares de Interese, Avisos á cidadanía, Aceso aos contidos multimedia da Web e  Notificacións (Push) en tempo real.

Esta primeira versión da aplicación xa está dispoñible para Android a través da plataforma de Google Play, e xa estamos traballando na operatividade a medio prazo na plataforma para dispositivos Apple.

O Concello tamén quere aproveitar esta nova plataforma para potenciar unha nova canle de participación e recibir as aportacións de cara a incorporar informacións ou novos servizos, poder contar coa opinión dos usuarios para verificar o bo funcionamento, as posibles melloras ou calquera outro aspecto da app. Para facilitar este proceso, as achegas poderán ser comunicadas a través do correo electrónico habilitado participa@vilardesantos.com.

Este proxecto de transformación dixital que impulsa o Concello significa aproveitar os avances dos últimos anos, de potenciar e mellorar o que xa existe e incorporar novos procesos que nos permitan ser eficaces e eficientes en todas as áreas municipais e mellorar a nosa relación dixital cos veciños e veciñas. Contamos coa tecnoloxía, para ser unha administración aberta, participativa e capaz de mostrar en todo momento o que facemos, sinala o alcalde Xan Jardón.