miércoles 17.07.2019

VILAR DE SANTOS PECHOU 2018 CUN RESULTADO ORZAMENTARIO POSITIVO DE 72.953 EUROS

Dispón dun Remanente de Tesourería para gastos xerais de 284.563,64 €

Casa do Concello de Vilar de Santos
Casa do Concello de Vilar de Santos

O concello de Vilar de Santos pechou a Liquidación do Orzamento do exercicio 2018, cun resultado orzamentario positivo de 72.953,64 euros -un 35% máis que no 2017- que indica que o Concello deu financiado a súa actividade e proxectos. É un saldo que permite coñecer, e polo tanto, expresa a solvencia ou capacidade económica que temos para afrontar os pagos e compromisos financeiros.

Nesta Liquidación destacan como datos relevantes o resultado orzamentario positivo e por outro lado o Remanente de Tesourería para gastos xerais de 284.563,64 euros,  un 3,37% máis respecto ao ano 2017; un excedente de liquidez co que contamos e podemos dedicar a reforzar e financiar un maior volume de gasto para a inversión produtiva e proxectos. Destacar que o Remanente de Tesourería incrementouse nestes últimos anos máis do 10%, desde o 2015.

Estes datos e cifras foron xerados e logrados grazas á xestión e ao control e racionalización dos gastos correntes municipais, pero sen renunciar á inversión o que permitiu operar con máis eficacia e máis autonomía e alcanzar os obxectivos previstos a pesar das limitacións e restricións impostas polo goberno central e a Xunta.

Outro aspecto relevante e fundamental: a débeda pública do concello é cero e a débeda con provedores tamén é cero. Tamén cumprimos cos principios de eficiencia e estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira.

O Remanente de Tesourería para gastos xerais, será empregado  e priorizado para levar a cabo proxectos xa definidos en varias áreas de actuación relativas á dinamización da actividade económica e o emprego, a aposta polos servizos sociais municipais e continuar ca mellora das infraestruturas e equipamentos públicos do concello.

As contas da Liquidación do orzamento son indicativas da boa xestión realizada polo goberno municipal nos aspectos económico, financeiro, patrimonial e orzamentario e da garantía e liquidez do concello e poñen de manifesto a nosa capacidade e solvencia que se incrementou nestes anos, proporcionando seguridade económica e permiten afrontar o futuro con melloras nos servizos públicos esenciais, así como acometer os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello con recursos propios e atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida para todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos, e reflicten o noso compromiso cunha xestión pública transparente, eficiente e solvente co diñeiro público”.